José Docampo 04/09/2021

A homenaxe ao gañador do Tour de 2006 débese á “súa traxectoria deportiva e o seu compromiso coa sustentabilidade”. Trátase, segundo informa o Concello, da “primeira escultura” de vidro reciclado de España.

Ecovidrio e o Concello de Mos renden homenaxe ao seu veciño natal Óscar Pereiro, exciclista e campión do Tour de Francia en 2006, pola súa traxectoria deportiva e o seu labor en defensa da sustentabilidade. Esta é a segunda homenaxe que, neste ano, o Concello organiza para o ciclista.

En colaboración coas autoridades locais, Mos acolle unha escultura do deportista, realizada con vidro reciclado por Ecovidrio, para “recoñecer o compromiso de Óscar Pereiro co ciclismo e a promoción da reciclaxe como hábito exemplar para o coidado do medioambiente”. No acto de inauguración desta escultura, situada á beira do Edificio Multiusos das Pozas, participaron familiares, amigos e veciños da localidade así como diferentes autoridades institucionais e deportivas do ciclismo español e galego.

Borja Martiarena, director de Marketing de Ecovidrio, comentou “non se nos ocorre mellor forma de agradecer a Óscar o compromiso que demostrou durante máis de seis anos con Ecovidrio, a reciclaxe e o medioambiente que facelo no seu pobo natal. Óscar é un deportista excepcional e un compañeiro perfecto para difundir a mensaxe da sustentabilidade”.

Óscar Pereiro, embaixador de Ecovidrio e La Vuelta 21, sinalaba: “Todo o meu agradecemento á terra que me acompañou desde os meus inicios na carreira deportiva. Esta homenaxe quero dedicarlla a todos os profesionais que fan deste deporte unha referencia de competitividade, esixencia e compromiso, tanto co ciclismo como co medioambiente. Da mesma maneira que os ciclistas percorren máis de 3.300 km en 21 etapas, se desde o deporte e desde a sociedade preservamos o noso compromiso co medioambiente e a reciclaxe de vidro, todos alcanzaremos unha meta que é común: a saúde do planeta e a saúde das persoas”.

Óscar Pereiro deseñou a penúltima etapa de La Vuelta 21, unha das máis decisivas para coñecer quen se alzará coa Camisola Vermella na última meta. O final da Etapa 20 será inédito na historia da proba ciclista: terminará no alto do Castro de Herville, no Concello de Mos, con fortes subidas e tramos de ata un 11,8% de desnivel.

“A Etapa 20 será decisiva porque é unha percorrido clave para o final de La Vuelta e está especialmente deseñada cos perfís de ascensos máis importantes nos que eu adestraba como profesional. Como ciclista, sempre quixen poder competir neses portos e será todo un orgullo para min acompañar aos deportistas nesta etapa, tan esixente a nivel deportivo e, á vez, referencia para a sustentabilidade nos espazos naturais”, sinala Óscar Pereiro.

Outra das grandes novidades da 76ª edición de La Vuelta é que tamén conta coa colaboración do exciclista mosense como embaixador do deporte sostible. Este ano Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe dos residuos de envases de vidro en España, e La Vuelta propuxéronse converterse na edición máis sostible da historia da competición para transformar o evento nun auténtico exemplo de sustentabilidade. Menos residuos, máis reciclaxe e un obxectivo común: visibilizar a importancia de construír un futuro sostible tanto a nivel competitivo como social.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad