A intervención forma parte dos traballos que a Xunta está a realizar para a mellora do firme das estradas PO-510 e PO-400 nos municipios do Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e As Neves, cun investimento de 985.000 €
Na estrada PO-510 acondicionarase o firme entre os puntos quilométricos 0+000 e 15+750, incluíndo o treito do polígono industrial das Gándaras, e na zona de Budiño, no Porriño, reconfigurarase a sinalización horizontal para permitir xiros á esquerda en camiños públicos que poidan dar servizo aos veciños
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, desprazouse hoxe ata o concello pontevedrés do Porriño para supervisar o inicio das obras de mellora do firme na PO-510.
Tal e como explicou a representante autonómica, esta intervención forma parte do conxunto de melloras que o Goberno galego, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, está a executar nas estradas autonómicas PO-510 e PO-400, nos concellos do Porriño, de Salceda de Caselas, de Salvaterra de Miño e das Neves.
Este traballos de reforzo da seguridade viaria, nos que a Administración autonómica está a investir 985.000 euros, foron adxudicados á empresa Construcciones Fechi cun prazo de execución de catro meses.
Na estrada PO-510 actuarase entre os puntos quilométricos 0+000 e 15+750. Entre os puntos 0+200 e 2+700, esta estrada atravesa o polígono industrial das Gándaras, polo que ten un importante tránsito de vehículos pesados. Para mellorar o seu estado, proxéctase un recrecido e unha ampliación da plataforma, ademais da posta a cota dos pozos de rexistro.
Na estrada PO-400 a intervención acometerase entre os puntos quilométricos 2+300 e 4+800, efectuando o fresado e a reposición do firme. No treito entre os puntos 2+300 e 3+900 executarase un reforzo do firme incrementando o paquete existente en toda a plataforma.
Tamén se aproveitará esta obra para reforzar a seguridade viaria co acurtamento dun dos terceiros carrís de adiantamento, nuns 100 metros de lonxitude, a renovación dos captafaros e a disposición de balizas.
Ademais, na zona de Budiño, no Porriño, reconfigurarase a sinalización horizontal para permitir xiros á esquerda en camiños públicos que poidan dar servizo aos veciños.
A Xunta de Galicia continúa así traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.