Festival de Cans acada a súa maioría de idade coa súa edición máis internacional. Cineastas de Israel, Brasil, Portugal ou Colombia pasarán pola nova edición do certame, que terá lugar do 1 ao 4 de setembro. O Torreiro de Cans acolleu este mediodía a presentación da décimo oitava edición do evento. “Responsabilidade, resistencia e rebeldía”, eis os tres factores que están detrás da proposta e programación do Festival este ano. Así o dixo o seu director, Alfonso Pato.
Durante 4 días, celebraranse preto de 40 actividades, dende proxeccións a roteiros, concertos, exposicións ou coloquios. O Festival recupera ademais este ano algúns dos seus espazos máis emblemáticos. Son os casos do Baixo do Moncho, a Casa do Carreira ou o Invernadoiro de Mucha e Juan do Peso ata sumar 11 espazos. As normas de seguridade seguen a estar no centro da organización. Pero os avances na loita contra a pandemia tamén permiten recuperar eses espazos ou volver celebrar actividades no Torreiro.
Na presentación do XVIII Festival de Cans lideraron a representación das administracións públicas que traballan de man co evento: o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e a deputada provincial de Cultura, Vitoria Alonso. Esta última lembrou que “a implicación da veciñanza”, ou a posta en valor “dos espazos patrimoniais e naturais” de Cans a través do Festival é unha achega fundamental para toda a sociedade.
A alcaldesa, Eva García de la Torre, referiuse ao Festival coma unha iniciativa que “non ten parangón en ningún sitio”. Mencionaba tamén a apropiación, por parte da veciñanza, do evento. No mesmo sentido pronunciouse Román Rodríguez, quen engadiu que o certame demostra “que se hai unha idea, unha implicación, e ganas de facer as cousas ben, non hai límites, e un Festival de primeiro nivel internacional pode facerse dende unha parroquia do Porriño”.
15 curtametraxes
Un total de 15 curtametraxes formarán parte este ano da sección oficial da competición de ficción e animación no Festival. Ata 8 estrearanse en Cans. Entre elas están “What a Circus”, dirixida pola coruñesa Anita Pico, que supón a estrea en España desta obra seleccionada por un programa de Xoves talentos da BBC; “Retorno a Eleusis”, animación de Borja Santomé, gañador de Cans en 2018, ou “Deux Options”, obra do vigués Gon Caride, seleccionada xa en numerosos festivais internacionais.
Xunto a estas 15 curtametraxes participan noutras seccións competitivas do certame as 10 da categoría de Furacáns e as 8 da sección Novas Camadas. Son, en total, 34 as obras en competición. Ademáis, 20 videoclips competirán polo premio do xurado na Noite Lasal dos videoclips, un vibrante escaparate da música do momento en Galicia. Fóra de competición, Cans acollerá a estrea de catro longametraxes.
Diálogo, coloquios e correspondencias
O recoñecido cineasta brasileiro Kleber Mendonça Filho, o director galego Jorge Coira, o historiador Ian Gibson, as cantantes Sés e Maika Makovski, ou os actores Celso Bugallo e Tamar Novas están entre as persoas que pasarán polo Festival este ano. Tamén o farán realizadores e integrantes dos equipos das curtametraxes que participan na sección oficial deste XVIII Festival de Cans.
O público do Festival de Cans poderá participar nun coloquio co realizador brasileiro Kleber Mendonça Filho, premiado en Cannes e unha das figuras máis relevantes do panorama do cinema mundial. Ou cos irmáns galegos Jorge e Pepe Coira, que xunto a Gaspar Broullón estrean no Festival o documental ’Beiras, vivir dúas veces’. O veterano político galego a cuxa vida se aproximan nesta longametraxe tamén participará nun coloquio co público logo da estrea do filme. Tamén manterá un coloquio cos asistentes ao Festival o hispanista Ian Gibson, figura central de ’Donde acaba la memoria’. A película documental, asinada polo director vigués Pablo Romero-Fresco, volve sobre os pasos do mítico cineasta Luis Buñuel a Las Hurdes (Cáceres).
A promoción do diálogo cos cineastas, e entre cineastas, está entre os eixos de traballo do certame. De aí outra das novidades da programación deste ano. Inaugúrase a sección ’Correspondencias’. Nela, realizadoras e realizadores de Galicia intercambian ’cartas’ audiovisuais sobre a vida, a cinematografía, o mundo… Inaugurará esta sección a presentación dalgunhas das partes da ’correspondencia’ audiovisual que mantiveron dende o confinamento o director colombiano Samuel Moreno e máis o galego Eloy Rodríguez Serén.
No ámbito internacional, cómpre salientar tamén a presenza do portugués Nuno Beato, que presentará avance do seu filme. Tamén participa no Festival a realizadora israelí Imbar Horesh.
Homenaxes e actividades paralelas
Os profesionais do audiovisual e da cultura volverán percorrer en chimpín unha aldea de cinema que este ano homenaxea no seu Festival ao realizador galego Jorge Coira, ao actor Tamar Novás, e á veciña Marisol González, unha das moitas que levan anos apoiando con compromiso e desinterese o desenvolvemento do Festival. Tamén será homenaxeado o inesquecible Silvino González, o colocador das estrelas, veciño da aldea e tristemente falecido hai pouco tempo.
Nos paseos en chimpín tamén será obrigatorio o tapabocas. O mesmo que en todas as actividades do evento. Entre as medidas de seguridade tamén está a redución du aforo nun 50%. Mesmo nos chimpíns, nos que non poderán subir máis de 4 persoas a un tempo.
A aldea deberá ser desaloxada cada día antes da 1AM polo público, que só poderá chegar ao Festival en bus se conta con entradas ou inscricións para as súas actividades. Non haberá aparcadoiros para o público en Cans.
O Festival de Cans volve propoñer, tamén, actividades didácticas para nenas e nenos relacionadas coa cultura e o cinema. Eis os roteiros literarios ou musicais, con clásicos do certame coma o escritor Carlos Meixide e o polifacético creador Xurxo Souto. A XVIII edición do Festival de Cans ten entre os seus principais patrocinadores a Estrella Galicia, Galicia Calidade, Gadis, Xunta de Galicia, Concello de O Porriño, Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Cultura do Goberno de España, a través do ICAA.