Sthela Táboas 18/08/2021

A segunda edición do festival celebrarase o día 28 de agosto na espectacular canteira porriñesa en reconstrucción de Vilafría

Boyanka Kostova, Verto, Mounqup, Pongo, a DJ Teresa Ferreiro e os Penediños de Atios “son proxectos moi persoais dunha cultura emerxente e arriscada”

A canteira en restauración de Vilafría, en Atios, O Porriño, é o anfiteatro natural onde se celebra a segunda edición do festival Sons da Canteira o próximo 28 de agosto. Este martes tivo lugar a presentación a medios na Biblioteca Municipal da localidade.

Adrián Fragueiro, director do festival e promotor de Doppler xestión cultural, presentou “un cartel ateigado de talento galego que abre pontes co máis efervescente da lusofonía. A nosa proposta está comprometida cunha cultura galega emerxente e arriscada. Artistas novos mais cunha traxectoria forte. Son proxectos moi persoais que investigan na música desde as raíces e a atravesan de xéneros musicais como a electrónica, o trap ou o hip hop”.

Boyanka Kostova, Verto, Mounqup, Pongo, a DJ Teresa Ferreiro e os Penediños de Atios son as seis bandas que soben ao escenario emblemático da canteira en reconstrucción de Vilafría nesta segunda edición do festival Sons da Canteira. “Todas elas achegan a tradición á vangarda e á modernidade. Este é o selo do festival”, que destaca tamén “pola presenza de mulleres que encabezan a innovación e a fusión”.

Estará o ritmo de baile poderoso de Pongo, a raíña do kuduro. Será o único concerto en España desta música e cantante lisboeta de orixe angoleña. Soará a música da francogalega Mounqup, que estrea disco e espectáculo, cun pop electrónico moi enerxético e bailable. Escoitaranse os sets da DJ compostelana Teresa Ferreiro, unha artista visual e investigadora musical que ten misturado para radios e eventos de todo o mundo. E o persoalísimo trap galego de Boyanka Kostova, unha das bandas máis desexadas e viralizadas do momento. Igual que Verto, outros compostelanos que innovan co trap e que arrasan tanto nos escenarios como no Spotify. Esta será unha das últimas oportunidades para velos antes do parón que anunciaron para outubro. Tamén haberá talento da zona, co grupo de danza tradicional Os Penediños de Atios, que xa na edición pasada acompañaron a Baiuca no escenario.

A idea do festival foi concibida pola concelleira de Cultura do Porriño, Cami Moreira, que gardaba na memoria a única e impactante edición do Festival Son da Pedra, en 1995. “O escenario vai cambiando porque a restauración avanza”, explica. “A nivel de escenario musical a canteira é camaleónica. Como recurso económico é moi importante para O Porriño, pero finalizado o proceso hai que devolverlla ao monte”.

As entradas para gozar do espectáculo continúan dispoñibles en sonsdacanteira.gal e tamén os tickets de bus gratuitos (ás 17.00 h, 17.30 h e 18.00 h), que se adquiren de xeito simultáneo e serán o único modo de acceder á canteira.

Para cear durante o festival haberá foodtrucks no recinto, con opcións veganas e sen glute. Será necesario recargar a pulseira de acceso, que funcionará con tecnoloxía cashless para facer os pagamentos. Como novidade, o festival implanta un servizo de atención en mesa “cunha equipa de camareiros e camareiras, como nunha terraza”, para evitar aglomeracións.

Segundo o director do festival, “Sons da canteira é un evento que ten sentido no seu territorio. Por iso contamos coa colaboración de entidades locais e desenvolvemos ao máximo o compromiso por minimizar os impactos ambientais. Queremos contrubuír a que a contorna da canteira de Atios sexa un lugar mellor”.

Neste sentido, a responsable de sustentabilidade do festival, María Baqueiro, explicou que se traballou para producir unha pegada de carbono cero. “A sostibilidade non é unha competición, temos que traballar todos os festivais na mesma liña, a da Axenda 2030, ser incluisivos, facer un esforzo de accesibilidade e achegar o máximo valor social e cultural á contorna”.

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre animou a “non perder un espectáculo como este, unha forma de gozar dun evento diferente e de conservar o propio”.

A empresa galega Labauh Farctory foi a encargada de deseñar o mobiliario do festival, que conta coa colaboración de Cervezas Alhambra. Segundo os seus responsables, o apoio nace “do desexo de crear experiencias únicas para todos os sentidos, por iso Cervezas Alhambra colabora un ano máis con este evento que ten lugar nun espazo máxico e único como a canteira de Vilafría, onde a cervexeira invita a saborear as súas referencias ao ritmo das mellores propostas musicais”. Ademais, o evento volve ter o respaldo de Gadis, Viña Costeira, Aceites Abril e o Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa de Moda da Universidade de Vigo (ESDEMGA), que realiza o vestiario para o espectáculo de Mounqup.

Deja un comentario.

Tu dirección de correo electrónico no será visible. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable Sthela María Táboas González.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Sthela María Táboas González.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad