Unha reunión de traballo concentrou esta mañán a concelleiras, Guardia Civil, Policía Local, Protección Civil e organización do festival para esta segunda edición na que se incrementaron 100 espectadores máis respecto do ano pasado
A concelleira de Festas do Concello do Porriño, Cami Moreira, presidiu esta mañá unha reunión de traballo para establecer os protocolos de seguridade para o II Festival “Sons da Canteira”, evento organizado polo Concello do Porriño, que volverá o próximo 28 de agosto á canteira en proceso de restauración de Vilafría.
Xunto coa concelleira de Seguridade, Lourdes Moure, asistiron por parte do Concello, o oficial xefe en funcións da Policía Local e o responsable da agrupación de Protección Civil. Tamén participaron mandos da Guardia Civil e os responsables da empresa promotora do espectáculo, “Doppler Gestión Cultural”.
“Sons da Canteira establece estritos protocolos de seguridade e distanciamento social para un aforo reducido de persoas ao aire libre. O festival ten, ademais, persoal adicado en exclusiva á limpeza e xestión de residuos.
Os protocolos de seguridade, coa experiencia acadada na edición de 2020, son basicamente os mesmoscosengadidos que require o aumento de aforo que haberá este ano. En 2020 houbo 500 espectadores e para este ano haberá 600.
Para facilitar o acceso á Canteira de Vilafría, a organización porá a disposición autobuses gratuítos con saída dende O Porriño (ás 17.00, 17.30 e 18.00). Á hora de facer a compra, cada persoa poderá escoller o horario de autobús que mellor se lle axuste, xa que este será o único xeito de acceder cun vehículo ao recinto do festival. Unha vez no recinto, a pulseira de acceso funcionará tamén como moedeiro para facer todos os pagos pertinentes durante o festival utilizando a tecnoloxía cashless. Do mesmo xeito, o festival implanta nesta edición un servizo de atención en mesa para evitar aglomeracións e desprazamentos durante os concertos.
As entradas para esta edición de Sons da Canteira aínda seguen á venda. Poden mercarse na web sonsdacanteira.gal.
O prezo das entradas é de 24 €/persoa a entrada individual e en parellas; e de 22 €/persoa para grupos de catro e seis asistentes. O cartel desta edición estará formado polo trap galego, flow costumista o twerking rural de Boyanka Kostova; o pop, disco e trap de Verto; o folklore africano, a electrónica e o dance hall da lisboeta Pongo que ofrecerá en Sons da Canteira o seu único concerto en España; os sons eclécticos de Mounqup, que estreará no festival o seu novo espectáculo de gran formato, “Akelarre AVS Extended Show”; polos sets variados e transversais da DJ Teresa Ferreiro; e polo grupo local de danza e música tradicional Os Penediños de Atios.