José Docampo 31/07/2021

Xunta promove unha Declaración Institucional, asinada por máis de 60 Concellos, “a favor dun reparto equitativo dos fondos Next Generation destinados a actuacións de mobilidade”.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asinou esta mañá a adhesión á Declaración Institucional do programa ‘Next Generation EU. Fondos de Recuperación para Europa’. Con este documento demandan que “a distribución dos investimentos teña en conta as singularidades do territorio galego, maioritariamente rural, para contribuír ao seu desenvolvemento económico e frear o seu despoboamento”.

Hoxe será celebrado o Encontro Next Generation ´Por un rural forte e conectado´ que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade organiza ás 11,00 horas no Parque do Lago da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Nese encontro presentarase a Declaración Institucional a favor dun reparto equitativo dos fondos Next Generation destinados a actuacións en materia de mobilidade “para un rural galego forte e conectado”.

Os representantes da Xunta de Galiza e dos Concellos que asinan a súa adhesión a esta declaración institucional entenden que a Xunta de Galiza e as entidades locais teñen un amplo coñecemento das peculiaridades, singularidades e necesidades da Galiza, dos seus territorios e dos seus cidadáns; así como a importancia de avanzar cara a unha mobilidade sostible, dixital e que conecte e vertebre o noso rural e que os Fondos Next Generation son unha oportunidade única que a Unión Europea pon ao servizo de todos os Estados que a conforman.

Tanto entidades locais como as comunidades autónomas teñen competencias moi relevantes en materia de mobilidade e que esas responsabilidades deben ter a súa correspondencia na asignación destes fondos europeos. Polo que Xunta e Concellos galegos asinantes están convencidos de que os fondos europeos extraordinarios asociados á mobilidade sostible e dixital deben de contribuír significativamente á loita contra o cambio climático, ao progreso económico á cohesión social dos nosos territorios; cremos necesario ampliar ao máximo a cobertura territorial dos investimentos destinados á recuperación e á reconstrución fronte á pandemia para contribuír ao desenvolvemento en igualdade de oportunidades.

A Comisión Europea presentou o pasado 30 de xuño a comunicación “unha visión a longo prazo para as zonas rurais da UE”, na que se propón un Pacto Rural e un Plan de Acción Rural, co obxectivo de facer que as zonas rurais sexan máis “fortes, resilientes, prósperas e conectadas”. A Comisión solicita aos Estados membros e ás rexións que desenvolvan estratexias de mobilidade rural sostible.

O carácter dos Fondos Next Generation é estratéxico para combater os efectos da pandemia, sentando as bases dun crecemento máis sostible e intelixente. Ademais de para loitar contra o cambio climático, impulsando iniciativas e intervencións de mobilidade saudable, sostible e dixital. Frear o despoboamento do mundo rural e elemento clave do reto demográfico. Facer que as nosas zonas rurais galegas sexan máis fortes, resilientes, prósperas e conectadas. Proporcionar ás nosas economías e ás nosas empresas unha maior competitividade, centros económicos máis desenvolvidos e de maior riqueza. Promover a interoperabilidade e continuidade das redes de transporte existentes, e a intermodalidade e cooperación do transporte por estrada, ferroviario, marítimo e aéreo. E contribuír a acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) incluídos na Axenda 2030.

As administracións asinantes deste manifesto deberían ostentar unha maior representación no reparto e destino dos Fondos “Next Generation”. Por iso solicitan que, cumprindo as premisas dos fondos europeos e da comunicación da Comisión Europea “unha visión a longo prazo para as zonas rurais da UE”, se outorgue liberdade ás Comunidades Autónomas e ás entidades locais para que o destino dos investimentos que lle corresponden supoñan unha ocasión e oportunidade real para incrementar as vantaxes competitivas necesarias para Galiza.

As entidades asinantes desta Declaración Institucional consideran prioritaria a participación e o consenso coas comunidades autónomas e as entidades locais na definición dos investimentos en proxectos e infraestruturas a executar en Galiza cos fondos extraordinarios europeos que van ser xestionados de forma directa polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ou as súas entidades dependentes, e que supoñen o 67,8% do total dos fondos europeos asignados ao Goberno de España en proxectos de mobilidade sostible e dixital. Desexan transmitir ás autoridades e poderes públicos nacionais, ás administracións, á sociedade e á cidadanía en xeral, a importancia de que as Comunidades Autónomas e as entidades locais formen parte dun reparto equilibrado e de liberdade de investimentos no seu territorio para conseguir unha maior rendibilidade social e económica, e desenvolver o seu potencial de futuro. 

Tamén entenden que os criterios que defenden para o reparto dos fondos “Next Generation” propiciarán unha mellor integración, cohesión e vertebración “da Galiza urbana, da Galiza interurbana e da Galiza rural”, para conformar unha Galiza única con igualdade de oportunidades. Comprométense a coordinar as súas estratexias e unir esforzos co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, respectando a cogobernanzaque debe presidir a relación da Administración Xeral do Estado coas Comunidades Autónomas e as entidades locais na execución destes fondos, co obxectivo común de obter o maior rendemento económico, social e laboral dos fondos “Next Generation”. Insisten en que actualmente os criterios establecidos no marco das diferentes Conferencias Sectoriais do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e as Conferencias bilaterais no marco dos proxectos panca de mobilidade sostible e dixital limitan substancialmente a capacidade de decisión e intervención da Xunta de Galiza nos concellos galegos, obviando o profundo coñecemento que esta administración ten sobre o seu territorio e necesidades.

As partes asinantes trasladan polo tanto esta Declaración Institucional á Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Goberno de España declarando que defenden un reparto transparente, equilibrado e con criterios obxectivos dos fondos “Next Generation” entre as diferentes administracións con relevantes competencias en mobilidade, así como a liberdade de decisión, no marco establecido pola Unión Europea, no destino dos investimentos asignados a cada Administración. Defenden a participación da Xunta de Galiza na toma de decisións en relación coa definición dos investimentos e executar, de forma directa, nos nosos territorios polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ou as súas entidades dependentes. Apoian expresamente a realización das oportunas modificacións para que o reparto destes fondos extraordinarios tamén permita unha loita real contra a despoboamento do mundo rural en relación cos proxectos presentados pola Xunta de Galiza. Consideran que o Goberno de España debe levar a cabo as actuacións necesarias para a reorientación e flexibilización dos criterios de investimento establecidos para as Comunidades Autónomas e entidades locais, tanto no relativo ao prazo temporal para a execución do fondo, como o indicado en canto á poboación mínima para a realización da actuación.

Deja un comentario.

Tu dirección de correo electrónico no será visible. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable Sthela María Táboas González.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Sthela María Táboas González.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad