No Día Mundial do Can o Concello de Mos anuncia unha campaña de fomento da implantación do microchip
Pretende evitar os abandoos e facilitar a localización dos donos en caso de extravío. O Concello pagará o 50 % dos custes de colocación do microchip.
Onte coincidindo coa celebración do Día Mundial do Can, o Concello de Mos anunciou a posta en marcha dunha campaña municipal de fomento da implantación do microchip entre as mascotas das familias do municipio.
Ademais de ser o microchip obrigatorio, esta campaña ponse en marcha pois o Concello detecta que unha elevada porcentaxe dos cans perdidos que aparecen na localidade non teñen chip, polo que se complica a tarefa de atopar os seus donos para poder devolvelos aos seus fogares. “A iniciativa persegue tamén un obxectivo concienciador e de prevención do abandoo de animais domésticos” explicaron.
A campaña consiste en que o Concello de Mos asumirá o 50% do custe da colocación do microchip a cada can en cuestión, polo que os seus donos só terán que asumir a metade restante. Os representantes municipais informaron a este respecto de que “desde a administración local mosense vense de iniciar o procedemento de contratación da empresa veterinaria que ofrecerá o servizo aos veciños e veciñas beneficiarios da axuda”.
Os particulares mosenses, donos de cans, que estean interesados en optar a estas axudas, poden inscribirse xa no Rexistro Xeral do Concello de Mos, pois o prazo de inscrición atópase xa aberto e a implantación dos chips está previsto que comece a partir do día 1 de setembro. A concesión das axudas será por rigorosa orde de entrada no Rexistro municipal.