Debido a mala previsión meteorolóxica adíase a representación contemplada para este sábado 19
O Concello do Porriño, a través da concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira, informa da suspensión da visita guiada teatralizada Antonio Palacios prevista para mañá sábado 19, debida á mala previsión meteorolóxica.
A data recuperarase coa ocasión da celebración polo Concello do Porriño do Ano Palacios. As vinte persoas que se inscribiron previamente completando o aforamento posible, foron notificadas da suspensión polo departamento de Cultura.
As visitas guiadas teatralizadas comezaron o pasado 29 de maio cunha excepcional resposta, xa que hai lista de espera.
Programáronse dez visitas, en principio ata o 30 de outubro. Os participantes percorren durante 50 minutos varias obras icónicas de Palacios: o Templete da boca de metro da Rede de San Luis, a Casa do Concello, a Fonte do Cristo ou a Botica Nova.
Un actor e unha actriz encárganse de representar a Antonio Palacios e a Corona Gónzalez, mecenas do arquitecto, contando ademais co acompañamento musical dun gaiteiro e un tamborileiro da Asociación Cultural Lumeirada.
O Ano Antonio Palacios que celebra o Concello do Porriño comezou o 27 de outubro de 2020, coa colocación dunha coroa de Dalias brancas e Loureiro no cemiterio municipal ante a tumba do arquitecto.