José Docampo 11/06/2021

O PSdeG solicita á Fiscalía a apertura de dilixencias para a investigación da actuación do Concello dirixido por Nidia Arévalo no caso das obras da cidade deportiva do Celta, cuxas licenzas de obra foron concedidas de maneira irregular segundo a sentenza coñecida esta semana. Podemos Mos súmase ás peticións de demisión do BNG e socialistas.

“Nidia Arévalo e Carlos Mouriño puxéronse de acordo para executar […] un plan premeditado para fraccionar o macroproxecto en cachiños, como se fose un puzzle”. Así resume Victoria Alonso, voceira socialista en Mos, a actuación da Xunta de Goberno de Mos e a alcaldesa, Nidia Arévalo, en relación á concesión de licencias directas ás dúas fraccións do proxecto urbanístico do Celta executadas nos montes de Pereiras e que veñen de ser anuladas por unha sentenza do Xulgado do Contencioso número 3 de Pontevedra.

Victoria Alonso describe o caso como “o maior pelotazo urbanístico da historia recente de Galicia”, e asegura que as actuacións impulsadas pola alcaldesa teñen encaixe penal por ter eludido a obriga de comezar o expediente coa tramitación dun Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas (PEID), e por dividir “o macroproxecto en cachiños”, incurrindo “nun escandaloso fraude de lei”. Isto, denuncian, á vez que desoían “aos grupos municipais que levaban advertíndolle dende 2019 que o expediente tiña que comezar coa tramitación e aprobación do PEID”.

A concelleira describe estes acontecementos como “un plan premeditado” que vai máis alá do ámbito administrativo e que, de consolidarse, “suporía un perigosísimo precedente,”. Engade que en Mos houbo “barra libre para a depredación do territorio, poñendo á Administración local ao servizo dun empresario millonario e todo elo coa complicidade, por acción ou omisión, da Xunta de Galicia”. 

Entende a voceira socialista en Mos que tanto a Xunta de Goberno local como a alcaldesa puideron ter cometido un delito contra a Administración Pública. No seu escrito á Fiscalía, Alonso explica que a Xunta de Goberno de Mos aprobou os acordos de 20.11.2018 e 30.10.2019 para conceder as licenzas dos campos de fútbol e soto e para o edificio de vestiarios e instalacións auxiliares, respectivamente, infrinxindo o artigo 36.4 da Lei do Solo que obriga a tramitar previamente o PEID.

Pola súa banda, Podemos Mos pide tamén a demisión da alcaldesa Nidia Arévalo pola súa actuación neste caso. Exixen tamén a peiticón de disculpas “a toda a veciñanza que foi perseguida e atacada polo simple feito de defender o seu patrimonio”.

Podemos, trala sentenza que anula a segunda licenza municipal dos vestiarios da cidade deportiva do Celta, e ordea revisar a primeira licencia que recolle a construción dos campos de fútbol, cre que “a xustiza comeza a poñer as cousas no seu [lugar]”. Lembran que “para comezar os trámites de recalificación de máis de un millón de metros de chan rústico e forestal de especial protección, e da presentación deste proxecto, Nidia Arévalo levou a cabo unha campaña de acoso e derribo contra toda as persoas que se opuxeron ao seu delirio especulativo, chegando incluso a perpetrar ataques e denuncias persoais contra moitas das persoas que defenden o seu patrimonio”.

Tralo anuncio feito pola alcaldesa Arévalo dun recurso contra a sentenza, Podemos exixe “que se deixen de gastar cartos públicos nos caprichos fóra da lei da alcaldesa de Mos, xa que supón un prexuízo moi grave para os intereses conxunto da veciñanza de Mos ao castigar aínda máis, as maltreitas arcas municipais”. Aseguran ser “conscientes de que o Partido Popular nunca vai deixar o seu ADN de corrupción e de xestión neglixente e irregular ao marxe das institucións”, e que a alcaldesa é “pioneira deste proxecto especulativo”, polo que debe presentar a súa dimisión inmediata e pedir desculpas á veciñanza.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad