Lete Lasa manifestou que “facer deporte, e sobre todo, deporte federado afasta as posibilidades de sufrir enfermidades respiratorias como a Covid19” e subliñou a importancia de “coidar e respectar a natureza” para “enfrontar crises sanitarias como a vivida”
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou onte o Campionato de España de Motos Acuáticas das modalidades Rallyjet e Offshore para as categorías GP1, GP2 e GP4 que terá lugar en Baiona esta fin de semana. Lete Lasa recoñeceu que, a iniciativa é unha grande oportunidade para o deporte, a saúde e como non, o turismo, xa que a cita atraerá a Baiona a “deportistas, participantes e espectadores que se sentirán abraiados polas marabillosas condicións naturais de Galicia”.
No que atinxe á relación entre deporte e saúde, Lete Lasa destacou iniciativas como ‘Xogando co vento’, do programa Xogade, a través do cal os escolares realizan actividades ao aire libre, en contacto co medio natural e desfrutando dos recursos naturais de Galicia. Este tipo de actividades, dixo, son especialmente importantes en tempos de pandemia porque segundo diversos estudios, como o do Instituto Biomédico da Coruña en colaboración co Sergas, “facer deporte, e sobre todo, deporte federado afasta as posibilidades de sufrir enfermidades respiratorias como a Covid19”.
O mandatario galego subliñou tamén a importancia de “coidar e respectar a natureza” para “enfrontar crises sanitarias como a vivida”. Neste sentido, agradeceu ao sector das motos de auga os seus esforzos e compromiso por “ser menos contaminantes, menos intrusivas e menos ruidosas”. De feito, das motos de auga de dous tempos ás de catro tempos, “que son as que veremos esta fin de semana en Baiona, xa se produce un gran salto xa que son menos ruidosas e contaminantes”.
Lete Lasa agradeceu asemade o traballo de institucións como a Real Federación Galega de Motonáutica, a Policía Local, Garda Civil do Mar, Protección Civil, ambulancias e bombeiros para que a competición se desenvolva con toda a normalidade tanto no ámbito deportivo como no sanitario.
Rallyjet e Offshore
As motos de auga que competirán nas modalidades de Rallyjet e Offshore teñen unha potencia que pode chegar ata os 300 CV e acadan velocidades de 70 nudos (140 kmh) kmh.
O Rallyjet é unha modalidade que se desenvolve baixo un deseño técnico entre boias cunha distancia por volta entorno ás 3,4 millas (uns 6 km) e sobre o que terán que trazar varias voltas ata completar 25 minutos de tempo establecido, engadindo unha volta máis.
O Offshore é un conxunto de percorridos longos ata completar 100 millas náuticas (uns 185 km) onde a resistencia é o hándicap tanto para pilotos como para máquinas.