Redacción 13/05/2021

Galicia recibe un total de 155 distintivos entre areais, portos deportivos, sendeiros azuis e centros azuis

O areal do Lago das Pontes recibe por primeira vez a distinción, que recuperan seis praias de Baiona e unha de Barreiros

Sanxenxo, con 17 bandeiras azuis para os seus areais, convértese un ano máis no concello de España que maior número acumula, ademais de sumar distincións para tres  portos deportivos, unha rede de sendeiros e un centro

No caso da provincia da Coruña, Arteixo é o municipio con máis praias premiadas, con 7, mentres na de Lugo é Foz, con 5

A Xunta subliña o esforzo realizado o ano pasado polos municipios para acadar os estándares de seguridade esixidos neste tipo de espazos por mor da covid, reforzando así a  imaxe de Galicia como destino turístico seguro

As praias galegas obtiveron este ano un total de 111 bandeiras azuis e, ademais, a Comunidade sitúase á cabeza de todo o Estado en número de sendeiros azuis, con 20. Así, Galicia sitúase entre as  autonomías máis galardoadas pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), cun global de 155 distintivos entre areais, portos deportivos, sendeiros azuis e centros azuis.

Con 111 bandeiras para as súas praias, catro máis que o ano anterior, a Comunidade acapara preto do 20% das outorgadas en toda España. En total, hai 34 municipios premiados, un máis que na  pasada edición, dos cales 12 son da provincia de Pontevedra (58 praias), 14 da Coruña (35 praias) e 8 de Lugo (18 praias). Salienta o feito de que o areal do Lago das Pontes (As Pontes) recibe por  primeira vez este galardón.

En canto ás bandeiras para portos deportivos, son un total de 11 (6 en Pontevedra, 6 na Coruña e 1 en Lugo); os centros azuis galardoados son 13 (6 en Pontevedra, 4 na Coruña e 3 en Lugo); e a  vintena de sendeiros distribúense entre os 9 de Pontevedra —que en total,ao ser algún unha rede, son 18 rutas—, os 6 da Coruña e os 5 de Lugo.

Nesta edición, Sanxenxo volve repetir o concello tanto de Galicia como do conxunto do Estado con máis bandeiras azuis nas súas praias, con 17, ademais de sumar distincións para tres portos  deportivos, unha rede de sendeiros e un centro. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén a cidade de Vigo, que suma 10 areais e unha rede de sendeiros; Cangas do Morrazo (7 praias, un porto  e un sendeiro); Marín (5 praias, dous centros e unha rede de sendeiros); e Baiona (6 praias e un porto), que nesta edición recupera o distintivo para os areais de Barbeira, Concheira, Os  Frades, Ladeira, Ribeira e Santa Marta.

Na provincia da Coruña, o municipio de Arteixo é o que máis bandeiras azuis obtén para as súas praias, un total de 7; seguido da cidade da Coruña (5 areais, ademais dun porto e un sendeiro); e  Oleiros (5 areais e tamén un sendeiro).

Polo que respecta á provincia de Lugo, Foz volve ser o concello con máis praias galardoadas, con 5: A Rapadoira, Areoura, As Polas, Llas e Peizás; mentres que Barreiros recupera a bandeira azul  para o areal das Pasadas, ademais de continuar con bandeira nas de Acantilado-Remior e Coto.

Criterios de excelencia

Os criterios esixidos para a otención de bandeiras azuis en praias e portos estánrelacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente, a seguridade, a completa dotación de servizos, a  accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas. Pola súa parte, os centros e sendeiros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o  coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.

O municipio que queira optar a estas distincións debe presentar un dossier xustificativo da súa proposta, así como, ao ano seguinte, unha  memoria de actividade, xunto coa súa candidatura, que  acredite o mantemento da súa condición en anos sucesivos.

A Xunta felicita a todos os concellos galardoados con estes distintivos polo recoñecemento que supoñen á calidade e aos servizos das súas praias, portos, sendeiros e centros. Así mesmo, tamén  cómpre subliñar o esforzo realizado o ano pasado polos municipios para acadar os estándares de seguridade esixidos neste tipo de espazos por mor da covid, reforzando así a imaxe de Galicia como  destino turístico seguro.

Neste sentido, hai que lembrar que debido á pandemia moitos concellos costeiros adoptaron solucións tecnolóxicas ou mesmo contrataron persoal de vixilancia para controlar o aforo nas praias  durante o verán, ao tempo que reforzaron as medidas de hixiene e limpeza de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias.

Deja un comentario.

Tu dirección de correo electrónico no será visible. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable Sthela María Táboas González.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Sthela María Táboas González.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad