Redacción 03/02/2021

A nova canle de temática ecoloxista está dispoñíbel nas redes sociais e de divulgación: Youtube, Facebook, Twitter e Instagram.

 

Nace na Galiza unha nova canle de divulgación de información centrada en cuestións ambientais: trátase de EcoCanle, unha “ferramenta comunicativa ao servizo dos movementos ecoloxistas galegos, aberta e plural, na que terán cabida diferentes temáticas no ámbito do ecoloxismo”. Os impulsores desta iniciativa entenden que nestes tempos de emerxencia climática e necesidade imperiosa dunha transición ecosocial, é preciso crear de espazos de encontro que dean conta das iniciativas en defensa do noso medioambiente e das apostas por outro modelo de producción e consumo.

“Xusto cando arrecian as agresións á nosa Terra (extensión do monocultivo de eucalipto, proxectos extractivistas, avalancha de macroparques eólicos, contaminación do litoral e dos húmedais, arboricidios) faise necesario visibilizar estas problemáticas dando a voz a persoas do ámbito do ecoloxismo e das plataformas que loitan contra a depredación de Galiza”. Nese sentido, en EcoCanle divulgaránse entrevistas, reportaxes de actualidade, videodenuncias e crónicas de mobilizacións, sempre desde unha perspectiva ecofeminista.

O obxetivo é servir de eco das mobilizacións e denuncias, poñer o micro e a cámara a conflitos medioambientais que “moitas veces son silenciados ou distorsionados polos grandes medios”, tal como se explica na súa canle de Youtube. “O ecoloxismo galego precisa de ferramentas comunicativas propias, plurais e abertas, que recollan toda a diversidade que caracteriza ao movemento”. 

A intención da canle é ser aberta “á cidadanía en xeral e ao ecoloxismo organizado en particular, ás sociedades ambientalistas e colectivos defensores da natureza, divulgadoras e educadoras medioambientais, plataformas veciñais, colectivos ecofeministas, colectivos en defensa do monte comunal, do territorio e das nosas Rías, ríos e lagoas”. Así, nace coa vocación de, na medida das posibilidades destes tempos de pandemia, “contribuir a tecer rede e a sementar conciencia verde na nosa Terra”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad