Redacción 29/12/2020

A Directiva do clube Bueu Atlético Balonmán presentou esta semana un recurso ante o Comité de Apelación da Real Federación Española de Balonmano, no que solicita a devolución inmediata dos 1.000 euros de sanción, a restitución dos dous puntos que foron substraídos e a procura dunha nova data para celebrar o encontro entre o BM Tejina e o Bueu Atlético Balonmán de categoría Primeira Nacional Masculina que se deu por perdido.

 

Desde o clube esperan que a RFEBM reconsidere a reclamación, pois entenden que se trata dunha sanción totalmente inxusta e onde se deu un defecto de forma ou mala praxe por parte do Comité de Competición da propia Federación. Esta comunicou oficialmente o pasado 23 de novembro, con apenas 8 días laborábeis de antemán, que o encontro entre o BM Tejererina e o equipo bueuense, adiado inicialmente por causas de forza maior o 3 de outubro para ser disputado o mércores 2 de decembro. O clube xa mostrou o seu rexeitamento a esa decisión, pois naquela data encontraríase ante a imposibilidade de desprazar aos seus xogadores por motivos laborais, e pola falla de prazas aéreas e hoteleiras para realizar o desprazamento, tal como foi comunicado pola axencia de viaxes.

O clube cre que as razóns da devandita sanción van máis alá do estrictamente deportivo, pois no mes de setembro, o Bueu Atlético Balonmán foi un dos clubes que apoio, da mesma maneira que a grande maioría dos clubes galegos, a reclamación ante a Federación para un cambio do sistema de competición e evitar os desprazamentos en avión dos seus xogadores a Canarias, dada a situación que nalquel momento se vivía con respecto da COVID-19.

Existe a esperanza de que a Federación reconsidere a sanción e se recuperen os cauces do “sentido común e da ética deportiva”, declaran desde o clube, especialmente nuns tempos tan difíciles “onde os clubes amateurs precisan máis que nunca da flexibilidade e o entendimento institucional para podes sobrevivir”. 

Porén, desde a Directiva do clube bueuense informan de que tomarán cantas medidas legais sexan necesarias, incluída unha posíbel demanda contra a Federación española co único obxectivo de “restituír a dignidade dun clube humilde con máis de 40 anos de historia”, pois tal dignidade, aseguran, “vale máis que 4 puntos e 1.000 euros”. 

Desde o clube queren deixar tamén claro o orgullo que sinten de pertencer a un grupo que compita cos equipos canarios, cos que nunca tiveron un problema ao longo dos 40 anos de historia da agrupación e cos que sempre tiveron un trato “exquisito e cordial” a nivel institucional. Tamén queren agradecer e recoñecer o enorme esforzo e traballo de todos os xogadores e o corpo técnico que conforman o equipo de Primeira Nacional Masculina polo grande apoio que sempre mostraron ante as decisións da Directiva. Porén, espera que dita situación tan inxusta non perxudique os bos resultados que están obtendo e o ánimo do equipo.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad