Segundo informa o Concello, a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo rexeitou o trámite do recurso presentado pola Comunidade de propietarios de Fonte da Portela, situada nas naves do polígono do Rebullón.
O tribunal supremo non admitiu a trámite o recurso de casación preparado pola representación procesal da entidade e que pretendía anular o Plan Xeral de Mos, aprobado no ano 2017, facendo referencia á inexactitude dos límites co Concello de Vigo. Con esta sentenza, dáse por concluído o trámite xudicial que pretendía anular o Plan Xeral mosense.
O Concello celebra esta decisión xudicial e asegura que a entrada en vigor do plan de ordenación do territorio supuxo “un antes e un depois”, pois observa un “notable aumento” das licenzas urbanísticas. O Concello considera “blindado” o PXOM, se ben aínda están por resolver algúns asuntos relacionados co PXOM e o proxecto urbanístico do Celta no municipio: a modificación puntual do plan para dar cabemento á cidade deportiva e comercial ideada polo Celta debe ser redeseñada de acordo cos informes preceptivos emitidos pola Deputación e o Goberno central.