O sector de mercadorías de Galicia segue a demandar máis axuda das Administracións para poder seguir prestando este servizo esencial
A Xunta de Galicia ven de entregar 10.000 máscaras de protección ás federacións galegas de transportistas de mercadorías para a súa distribución entre o sector. As federacións FETRAM e FEGATRANS-APETAMCOR agredecen a medida, pero solicitan máis axuda: máis equipos de protección e a dotación de recintos acondicionados para a ducha, o aseo e a alimentación nas áreas metropolitanas de Galicia. As federacións integrantes do Comité Galego de Transportes, e que agrupan na actualidade a máis de 1.700 autónomos e pemes do transporte de mercadorías por estrada de Galicia, desexan facer públicas as seguintes manifestacions:
O transporte volve a mostrarse como un servizo esencial para a poboación. Os transportistas galegos, que nestas semanas de estado de alarma teñen que seguir desenvolvendo o seu traballo na difícil situación de emerxencia sanitaria para garantir a distribución dos produtos esenciais para o conxunto da poboación, están á altura e demostrando no día a día unha grande fortaleza psicolóxica. En moitos casos adoecen de equipos de protección axeitados e aínda así se ven na obriga de realizar as tarefas de carga e descarga da mercadoría transportada, levan xa varias semanas sen poderen alimentarse nas mellores condicións e son moitas as dificultades para acceder a aseos ou duchas nunhas mínimas condicións de hixiene recomendables.
Encontro das federacións co Vicepresidente da Xunta e a Conselleira de Mobilidade. O pasado martes 7 de abril os representantes das federacións de transportistas mantivemos por videoconferencia unha reunión co Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co obxecto de abordarmos precisamente a situación do sector do transporte en Galicia, os seus défices e necesidades para poder seguir garantindo a subministración dos produtos asenciais para a poboación durante o actual estado de alarma, e a axuda que o Goberno galego lle pode achegar neste momento.
Os máximos representantes da Xunta anunciaron a entrega inmediata ás federacións para a súa distribución entre os profesionais do transporte dun total de 10.000 máscaras de protección, complementando así a remesa de máscaras xa subministradas nesa mesma semana ao sector polo Ministerio de Transportes, priorizando especialmente a entrega aos transportistas da distribución capilar con vehículos de menor dimensión, que non tiveron acceso aos equipos do Ministerio. Desde FETRAM e FEGATRANS agradecemos publicamente esta axuda recibida desde a Xunta de Galicia, e ao mesmo tempo aproveitamos para solicitar ao Vicepresidente da Xunta, o aprovisionamento dunha nova remesa de máscaras de protección no prazo de 3 ou 4 semanas, así como tamén de luvas, dado que a súa vida útil é limitada. Unha maior información á cidadanía sobre o correcto uso e manipulación destes equipos de protección .
Acondicionamento provisional de recintos públicos con servizos básicos para condutores. Por último, desde as federacións propuxemos á Xunta de Galicia intermediación política con concellos e/ou deputacións, solicitando destas institucións colaboración para axudar aos profesionais do transporte e demais traballadores móbiles que seguen a traballar nesta difícil situación de emerxencia sanitaria, de xeito que se poidan habilitar recintos de titularidade pública e acondicionalos de modo excepcional e provisional para prestar os servizos básicos de hixiene, aseo, ducha e alimentación a estes traballadores, alomenos nos accesos das áreas metropolitanas das sete cidades galegas. Os requisitos que deberían cumprir estes espazos públicos serían: fácil acceso e espazo para o aparcamento nas proximidades de vehículos pesados no contorno das cidades, dispor de duchas e asesos e poder ofrecer comida preparada. Como exemplo a destacar, a Deputación de Ourense abriu o pavillón deportivo provincial “Paco Paz” para poder ofrecer a estas persoas un punto referencial onde poderen asearse e acceder a comida preparada quente a modo de catering. Como é sabido, tras a declaración do estado de alarma coa publicación do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, todas as instalacións e equipamentos deportivos, de eventos e ocio de titularidade pública mantéñense pechados e coa súa actividade suspendida deste entón. Moitos deles, cun pequeno e rápido acondicionamento, poderían ser destinados de modo provisional e excepcional para uso dos transportistas nunhas condicións de hixiene razoablemente mellores que as estacións de servizo, garantindo a súa limpeza e desinfección continuada, e facilitando comida preparada.