Redacción 22/05/2015

A película proxectouse esta tarde no CRC do Porriño e trouxo unha das primeiras sorpresas inesperadas do festival: a presenza de Luis Tosar, que ten un papel protagonista no filme

Hoxe venres haberá coloquios e proxeccións, coa estrea do documental Torre de Breoghán sobre o último espectáculo de Luar na Lubre, dirixido por Jorge Coira. Trala proxección algúns membros do mítico grupo de folk darán o primiero “concerto na placa”

Na Noite de Estrea farase entrega do Premio Pedigree a Javier Gutiérrez, que colocará a súa estrela no Torreiro, e dos Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime” a Juan Maceira e Alfonso Zarauza

O apartado musical de mañá estará protagonizado polo concerto de Sidonie e a sesión DiscoChimpín de Ángel Carmona

 

O Festival de Cans acolle esta tarde a proxección de A cambio de nada, a primeira longametraxe de Daniel Guzmán, protagonizada por, entre outros, Luis Tosar, Miguel Hernán e Antonia Guzmán, que vén de arrasar no Festival de Cine de Málaga (Biznaga de Ouro á Mellor Película, premios á mellor dirección e actor e Premio da Crítica). O propio director presentou esta mañá no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño a película, describíndoa como “unha historia de amizade interxeracional”, que ten moito que ver co que el mesmo viviu na súa propia adolescencia.

Acompañaron a Daniel Guzmán na presentación do filme os produtores Farruco Castromán (Zircozine) e César Rodríguez (La Competencia), a presidenta do Círculo Recreativo María José Giráldez e o director do festival Alfonso Pato. César Rodríguez comentou que foi fácil convencelos para vir a Cans porque están rodeados de moita xente afín ao festival. “Dani e eu fixemos catro series de televisión xuntos, colaborei con el na súa primeira curta e agora no seu primeiro filme; temos moi bo feeling porque as noas inquedanzas son similares”, asegurou. Pola súa parte, Farruco Castromán sinalou que é o sétimo proxecto que presentan en Cans, “o que demostra o noso compromiso co festival e co cinema galego”.

Alfonso Pato quixo destacar que Daniel Guzmán procede do mundo das curtametraxes, “algo con moito valor para nós, posto que é a nosa aposta particular”. O director do filme reiterou a súa boa relación con Galicia, onde rodou o documental Mar de fondo sobre o desastre do Prestige e bromeou coa existencia dun lobby audiovisual galego que fixo posible o pase do filme no Festival de Cans. Confesou que xa escolleu sitio para colocar a súa estrela no Torreiro, no medio da de Fernando León de Aranoa e Luis Tosar, a aproveitou para anunciar unha das primeiras sorpresas desta edición do festival, pois Luis Tosar vaino acompañar esta tarde na proxección da película.

A cambio de nada conta a historia de Darío, un adolescente que, fuxindo da súa situación familiar, descobre unha nova forma de ver a vida ao coñecer a Antonia, unha anciá que recolle mobles abandonados. Tal e como a define o autor “é unha viaxe de maduración, coñecemento e aceptación personal que nos permite reflexional sobre unha das etapas máis importantes da nosa vida”.

Aínda que a Daniel Guzmán o coñecemos sobre todo como actor de series de televisión, cine e no teatro, iniciou a súa carreira na escrita e dirección de películas coa curtametraxe Inseguridad. Máis tarde realizou o documental Mar de Fondo e gañou o Premio Goya á Mellor Curtametraxe de Ficción con Sueños. Agora estréase na longametraxe.

Avance do programa do venres: encontro de CREA, “A que andas” e Rey Gitano

O venres a actividade comezará cedo en Cans, onde continúan as visitas de colexios da comarca e arredores. Ao mesmo tempo, Daniel Guzmán e Javier Gutiérrez protagonizarán o encontro aberto de CREA, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, unha cita que pretende achegar ao público unha visión ampliada do mundo da realización e a creación audiovisual.

De seguido, na sección “A que andas?” amosarase o cine na súa parte máis inédita, cando aínda é só palabra, sobre o papel e co guión a punto de producirse. Este ano descubriremos en que están traballando guionistas e directores como Manane Rodríguez e Xabier Bermúdez, Miguel Barros, Alfonso Zarauza ou Daniel Froiz e saudaremos con entusiasmo a dous curtametraxistas curtidos en Cans que pronto rodarán as súas primeiras longas: Xacio Baño e Juan Galiñanes.

Xa pola tarde poderanse ver de maneira exclusiva as primeiras imaxes do filme Rey Gitano, de Juanma Bajo Ulloa, unha produción que naceu no Festival de Cans, onde Ulloa coñeceu a Tony Lomba, autor da banda sonora. A proxección contará coa presenza do propio Lomba e de Manuel Manquiña, un dos protagonistas do filme. Conta a historia de Jose Mari e Primitivo, dous presuntos detectives en paro, fracasados de profesión e dignísimos representantes das irreconciliables dúas Españas. A inesperada chegada de Gaje, xitano golfo e seductor, cambiará a súa sorte.

As primeiras longas dos Fill@s de Cans

Xa pola tarde daranse a coñecer os novos proxectos d@s Fill@s de Cans, aqueles cineastas que amosaron as súas curtas en anteriores edicións do festival e que agora se enfrontan ás súas primeiras longametraxes. Ese é o caso Dani de la Torre ou Simón Casal. O primeiro presentará El desconocido, un thriller protagonizado por Luis Tosar. E o segundo contará detalles de Lobos sucios, unha historia sobre as minas de wolframio galegas explotadas polos nazis nos 40.

Nesta sección haberá tempo para descubrimentos cruzados polo vaivén do éxodo, como o de vigués afincado en Londres Pablo Romero-Fresco, que falará do seu proxecto Donde se acaba la memoria; ou o chileno afincado en Vigo Cristóbal Arteaga, con La declaración de los objetos. Completa este apartado, Alberto Vázquez, que debuta na longametraxe de animación con Psiconautas, logo de gañar un Goya coa curta Birdboy.

Torre de Breoghán e noite de estrea

A tarde do venres acollerá un dos momentos máis especiais desta edición do festival, a estrea do documental Torre de Breoghán, dirixido por Jorge Coira, e que relata o proceso de xestación do último espectáculo Luar na Lubre, un dos seus proxectos máis ambiciosos que rescata un relato épico da cultura celta sobre as invasións galegas en Irlanda. Despois da proxección, estrearanse os “Concertos na placa” cunha actuación de varios membros do mítico grupo de folk.

Xa na Noite de Estrea, presentada por Keka Losada e Ricardo de Barreiro, presentaranse os xurados e convidados do festival, entregaranse os premios á mellor obra da Can Parade e ao mellor videoclip, os Chimpíns de Prata, Premio Pepe Puime, a Alfonso Zarauza e Juan Maceira e o Premio de Honra Pedigree’2015 a Javier Gutiérrez, que colocará a súa estrela no Torreiro das Estrelas. Ademáis proxectarase Soa Cans!, o making of da edición pasada do festival, realizado por Roi Guitián e María Lobo.

O apartado musical do día estará protagonizado por Sidonie, que chega a Cans co seu último traballo, Sierra y Canadá, baixo do brazo. Esta banda barcelonesa nacida nos noventa, fará vibrar o Torreiro cos seus ritmos de pop psicodélico e alternativo, con influencias rock, funky, hip-hop ou electrónica.

Para rematar a festa, o coñecido xornalista de Radio 3 Ángel Carmona sorprenderá ao público coa súa faceta como DJ. Actual presentador do programa Hoy empieza todo de Radio 3, é un enorme coñecedor do panorama musical actual.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad