Redacción 24/04/2015

A candidata estivo arroupada por todo o seu equipo de goberno, que repite na lista electoral nos mesmos postos, e polo presidente de Novas Xeracións que expuxo as propostas en materia de novas tecnoloxías

Hoxe celebrouse no salón de actos da Axencia de Colocación a presentación do programa electoral do PP de Mos. Xusto un mes antes da celebración das vindeiras eleccións municipais, convocadas para o 24 de maio, os populares mosenses presentaron a súa folla de ruta para os próximos catro anos. Asistiu a candidata á Alcaldía polo PP de Mos e actual alcaldesa, Nidia Arévalo, acompañada por varios membros máis da lista electoral, entre os que se atopaban os edís do equipo de goberno local ó completo e o presidente de Novas Xeracións, Leo Costas.

Durante esta presentación Nidia Arévalo fixo un resume e balance da actual lexislatura que toca ó seu fin, declarando que “resumiría estes catro anos como imprescindibles en acadar cuestións de máxima importancia como rematar o saneamento das augas case na totalidade, rematar por fin os tan necesarios traballos do PXOM, mellorar tódolos servizos e infraestruturas e, por suposto, o que máis nos preocupa a todos e a min especialmente: o emprego dos e das mosenses. Levamos catro anos poñendo nas mans dos veciños as ferramentas necesarias en materia de emprego, para facilitarlles todo o posible a solución ó problema do desemprego presente polo momento, sen escatimar esforzos nin orzamento, sendo para nós o máis importante no día a día, sen dúbida”.

Despois do labor feito nesta lexislatura, os membros do comité local do Partido Popular mosense e un equipo humano de veciños e profesionais iniciaron un mes de traballo, que culminou hoxe, para elaborar un programa realista, ambicioso e sobre todo pensado por e para as persoas. Ó longo de dito de dito programa desenvólvese a folla de ruta para a vindeira lexislatura, que será a lexislatura das persoas, centrada en catro pilares fundamentais:

1.      Benestar Social

2.      Emprego

3.      Transporte

4.      Espazos verdes, de ocio e de cultura

En materia de Emprego e Formación o programa electoral do PP mosense plantexa Mos como territorio de oportunidades. Neste sentido Arévalo explicaba que “sabemos que o emprego é máis que nunca a preocupación máxima das veciñas e dos veciños polo tanto, é a nosa prioridade, o noso gran obxectivo transversal. Podemos presumir de espírito emprendedor capacidade de innovación, creatividade e talento. Por iso, dedicaremos todos os nosos esforzos a apostar pola formación, a información, o emprendemendo, a innovación e a economía do coñecemento, que xunto coa estabilidade e a confianza, conducirán á creación de novos postos de traballo e a atraer novos investimentos”.

En canto ó transporte, porase en marcha o Transporte Metropolitano que conecta o Concello de Mos co resto de concellos da área, mellorando as conexións xa existentes cun importante abaratamento do servizo para os usuarios. Sobre este Transporte Metropolitano susténtase o Novo Plan de Transporte Municipal, en estudo actualmente para a súa aprobación, pola Consellería de Mobilidade da Xunta de Galicia, e que conectará as parroquias sen servizo coas paradas deste Transporte Metropolitano garantindo deste xeito a mobilidade de todas as parroquias tanto entre elas como con outros concellos metropolitanos.

O Plan de Transporte Municipal contará cunha frecuencia de dous horarios de mañá e dous de tarde en liñas circulares que comuniquen as parroquias de Guizán, Torroso, Dornelas, Louredo, Mos, Pereiras e Cela, con Peinador, Tameiga, Petelos e Sanguiñeda, onde se atopan as paradas do Transporte Metropolitano.

Outra área á que fixo referencia á candidata á Alcaldía foi a de Seguridade, carteira cuxa xestión leva ela persoalmente como alcaldesa. As premisas que contempla o programa electoral do PP de Mos en materia de Seguridade Cidadá son: aprobación da ordenanza de seguridade cidadá, ampliación de medios materiais (etilómetros, sonómetros para medio ambiente, etc.) e recursos humanos da Policía Local; ampliación e renovación parque móbil; oficina móbil; mellorar a coordinación e colaboración cos distintos corpos de seguridade e emerxencias no Concello (Garda Civil , Garda Civil de Tráfico, Bombeiros…); dotación dun sistema de comunicacións integrado para os servizos de seguridade do Concello; solicitar e mediar ante o organismo competente para un posto de Garda Civil principal; e crear unha unidade policial de xestión e control medioambiental.

Como novidade do programa electoral Arévalo presentou hoxe a proposta Mos Dixital, coa que se presende, durante a vindeira lexislatura, xeneralizar a e-administración real por medio dunha WEB 2.0 interactiva que permita a comunicación bidireccional entre o cidadán e o Concello, resolver e facilitar a maioría dos tramites de cidadáns e empresas, publicar toda a información municipal que poida interesar (concursos e adxudicacións, orzamentos municipais, guías de servizos, servizos sociais, guías de empresas e comercios, turismo, Oficina de Atención ao Consumidor, trámites de Padrón, licenzas de obra, certificados, tributos, información sobre bolsas, cursos, descarga de formularios e documentos, caixa de suxestións, bolsa de emprego aberta a empresas e cidadáns, bolsa de alugamento de vivenda, taboleiro de anuncios e calquera outra xestión ou información que se poida realizar con esta ferramenta), fomentar un canal automático de comunicación do cidadán coa administración para recoller denuncias, suxestións, propostas e preguntas; fomentar as comunicacións Concello-cidadán con validez legal para comunicacións, multas, etc. a semellanza da Dirección Xeral de Tráfico; informar sobre o uso das Novas Tecnoloxías na administración local e difundir o seu uso para que os cidadáns poidan optimizar as diferentes opcións; elaborar “Guías de usuario” para facilitar os trámites coas administracións (como facer para pagar recibos, para pagar ou recorrer multas, solicitar un DNI electrónico ou un certificado electrónico, etc.) Tamén se incluirá o Servizo de Foto Denuncia Municipal a través da web do Concello.

E a proposta estrela que é a de activar “áreas WIFI” en zonas urbanas, determinados centros públicos ou zonas de ocio (zona As Pozas, contorno Pazo de Mos, Puxeiros, Sanguiñeda, San Rafael, San Antoíño, San Eleuterio etc.). Ademais contémplase a posta en marcha dun plan de implantación de internet de alta velocidade fibra óptica no municipio, mediante acordos cos operadores e obra pública, que estaría dividida en dúas fases. Na primeira fase irían os colexios públicos, instituto e centros educativos, administracións e locais municipais, zonas empresariais e zonas urbanas; quedando as zonas máis rurais para unha segunda fase.

Outras propostas incluídas no plan Mos Dixital son as de ofertar vantaxes fiscais e axudas para as empresas que realicen contratación de persoal local ou residente para a área de I+D e organizar cursos de formación gratuítos en novas tecnoloxías, internet e redes para axudar ós cidadáns nun mundo cada vez máis tecnolóxico.

Deja un comentario.

Tu dirección de correo electrónico no será visible. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable Sthela María Táboas González.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Sthela María Táboas González.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad