ACTUALIDAD PONTEVEDRA

Mónica Romero 03/11/2021

Sensibilizar aos cativos e cativas sobre a aventura e a responsabilidade que supón a adopción de animais é o principal obxectivo da nova campaña lanzada desde CAAN, o Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación, nesta recta final do ano e que leva por lema “EduCAANdo”. Esta campaña ten como peza central o relato “Benvida á casa, Onza”, que amosa, nunha linguaxe amena e accesible, as distintas fases do proceso de adaptación dunha cadela coa súa nova familia e que se distribuirá nos centros de Primaria da provincia. Para a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que volveu destacar os excelentes datos de adopción deste ano no CAAN, esta campaña busca “reforzar o noso compromiso co benestar animal e que a cativada comprenda que un animal non é un xoguete senón unha grande responsabilidade”. No acto de presentación estiveron o veterinario xefe do centro, José Luis Pedreira, Luis Camilo Fernández, o director do CPI Mosteiro-Meis, cuxo alumnado será o primeiro en visitar o CAAN, o deputado provincial Manuel González e as autoras do libro, Andrea Méndez e Elena del Cerro.

A campaña está elaborada integramente desde o servizo de Comunicación da Deputación e dirixida á sensibilización de escolares de Educación Primaria. “A idea que queremos transmitir aos nenos e nenas é que adoptar implica darlle unha oportunidade a estes animais e supón amais toda unha aventura para vivir e aprender en familia, amais dunha responsabilidade co benestar animal”, subliñou Carmela Silva, quen fixo referencia tamén á futura lei de protección animal que está a tramitarse no Congreso e que “vai ser moi esixente coa sociedade, como debe ser, porque os seres humanos tamén o somos cando tratamos ben e respectamos aos animais, sobre todo os que forman parte da nosa familia”.

Co citado fin, desenvolveranse varias accións centrais de visibilización para dar a coñecer o traballo do CAAN. Dentro das posibilidades da pandemia, organizaranse visitas ao centro de grupos de escolares de toda a provincia, e a primeira será a do alumnado do CPI de Mosteiro-Meis, o colexio do concello no que está o CAAN. “Somos conscientes que a educación transforma é un instrumento para construír sociedades mellores –apuntou a presidenta-. E cremos que formar ás crianzas no amor e coidado polos animais ten que ser un obxectivo educativo”. Amais, profesionais do centro tamén se achegarán ás aulas para concienciar ás nenas e nenos sobre o benestar animal e a responsabilidade que supoñen as adopcións.

Pero sen dúbida a peza estelar da campaña é “Benvida á casa, Onza”, un relato ilustrado con fins divulgativos que aborda estas cuestións de forma amena e cunha linguaxe accesible para a cativada e que se distribuirá nos centros de Primaria da provincia. No acto celebrado no Salón de Plenos deuse a coñecer tamén o vídeo promocional, que se difundirá a través das redes sociais. “Benvida á casa, Onza”, “un relato moi atractivo, ben montado e pedagoxicamente cun formato moi acaído para estas idades”, está escrito por Andrea Méndez e as ilustracións son de Elena del Cerro. Supón, como destacou a presidenta, “unha guía de boas prácticas que vai axudar a calquera familia interesada en adoptar un animal no CAAN”. As protagonistas son Xiana, unha nena de 7 anos que vive en Salceda de Caselas, e Onza, a cadela que adopta xunto á súa familia despois dun frechazo mutuo durante a súa visita ao centro de acollida. A historia da campaña é a da adaptación de Onza ao seu novo fogar, pasando por momentos máis e menos doados. “Queremos transmitir que os primeiros días non son sempre fáciles, queremos que a xente coñeza as necesidades básicas dun animal en canto á alimentación e descanso e trasladarlles consellos básicos que faciliten a rutina diaria”, indicou a presidenta.

Amais de seguir ese proceso, o conto vai resolvendo dúbidas sobre o funcionamento do servizo do CAAN, as condicións de hixiene e saúde nas que se entregan os animais e os coidados básicos que se lles deben garantir por parte da familia acolledora. Amais, aporta consellos para que a convivencia sexa un éxito. O resumo desas recomendacións atópase no cartel central da campaña, que contén os nove consellos esenciais para coidar as mascotas: Sempre con identificación (chapa con teléfono e microchip); dieta saudable (para ter boa saúde); visita o centro veterinario (esterilización, desparasitación, vacinas…); moito cariño (coidar os sentimentos); a socialización é moi importante (outros animais e persoas); recolle sempre (os excrementos); coida a súa hixiene (baño, peiteado, oídos, uñas); a educación é fundamental (ten paciencia) e crea rutinas (paseos, exercicio, xoguetes e descanso. Carmela Silva explicou que á hora de redactar a historia de Xiana e Onza contouse coa participación do equipo técnico do CAAN a fin de garantir que todos os detalles relativos ao coidado, hixiene e saúde do animal eran os máis idóneos, así como a idade e tamaño da cadela, tendo en conta que a coidadora principal ía ser unha nena de 7 anos.

O conto vai ser enviado aos centros escolares de Primaria da provincia cunha carta na que se explica a campaña e cos carteis da mesma, cunha primeira tirada de centos de exemplares. Tamén estará dispoñible para descargar na web do CAAN (caan.depo.gal). Posteriormente, os centros poderán solicitar tamén esta versión en papel para o traballo co alumnado a través dun correo electrónico ao servizo de Protocolo. “Cremos que este pode ser un material moi útil para achegar de forma amena a nenos e nenas da provincia coñecementos sobre o medio natural ao tempo que se promoven valores tan importantes como a solidariedade, a responsabilidade individual, a limpeza da vía pública ou o respecto mutuo nas nosas vilas e cidades”, subliñou Carmela Silva.

Pola súa banda, o director do CPI Mosteiro Luis Camilo Fernández, destacou que a nova campaña “visibilizará o traballo do CAAN, tan importante e tantas veces esquecido, promoverá os valores de solidariedade entre outras cousas entre os rapaces e rapazas e, como non, removerá as nosas conciencias sobre a adopción de cans que é a mellor alternativa para ter unha mascota”. Fernández felicitou á Deputación pola iniciativa e amosou o agradecemento do centro á institución “por participar nas actividades educativas e de difusión que o CAAN nos propón e agardamos ser un humilde altofalante do seu traballo”.

Excepcionais datos de adopción
Por outra banda, Carmela Silva avanzou que este 2021 “volverá ser un ano excepcional” no CAAN. Desde o 1 de xaneiro e ata o 31 de outubro tramitáronse 576 adopcións, acadando xa case o récord anual das 583 logrado o pasado 2020. “É un dato espectacular, porque o ano pasado levábamos a estas alturas 466 animais adoptados; polo tanto, levamos 110 adopcións máis (23,6%) que no mesmo período do 2020. O noso obxectivo é acabar o ano con 600 animais adoptados; é probable que sexan máis”.

Dos 576 animais que saíron do centro neste 2021, un deles foi a Portugal e o resto a diversos puntos de España. A maioría das adopcións foron en Galicia (503), seguida de Castela e León (47) e o resto repartíronse entre as comunidades de Madrid (11), Cataluña (4), País Vasco (3), Castela a Mancha (2), Asturias (2), Canarias (1), Estremadura (1) e Valencia (1). Das galegas, 439 foron na provincia de Pontevedra, 32 na provincia de A Coruña, 22 en Lugo e 10 en Ourense. Ata agora o Concello con máis adopcións foi Vigo (83), seguido de Pontevedra (49) e A Estrada (38). Outros municipios cun gran número de adopcións foron Poio (23), Meis (22), Sanxenxo (21) ou Cambados (17).

Outra das boas noticias a piques de que remate o ano foi o reto acadado da adopción de avós e avoas do centro, tralo reto lanzado no mes de maio e polo que Carmela Silva agradeceu a solidariedade das persoas adoptantes. Neste momento, o animal que leva máis tempo no centro é “Posto”, un cruce de pitbull de tres anos que leva desde o 2018 no centro, tras ser recollido en Redondela, para o que a presidenta volveu tamén a pedir a súa adopción.

A nova campaña persigue tamén concienciar ás crianzas contra os abandonos. Neste senso, Carmela Silva apuntou que se recolleron un total de 1.028 animais desde o 1 de xaneiro, aínda que un dos aspectos a destacar é que desde o CAAN, onde agora se atopan case 200 cans e cadelas, se está a lograr que os animais recollidos pasen cada vez menos tempo nas instalacións e teñan saída cara un novo fogar. Deste xeito, tense reducido o tempo de estancia dos animais e este ano está a ser dunha media de 71 días fronte aos 123,8 días do pasado 2020. “Todos os retos estanse a ser cumpridos e isto é posible grazas ao traballo inestimable que se fai desde o CAAN”, concluíu Carmela Silva.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad