Sthela Táboas 08/11/2021
Rafa Estévez

Con María Vinyals como anfitrioa, a fortaleza viviu unha madrugada inédita de reencontros “case” imposibles entre as autoras galegas máis notables dos últimos tres séculos que se conxuraron na sinatura dun manifesto histórico

Coa sinatura dun manifesto “histórico”, que se dará a coñecer este martes, as escritoras máis notables dos últimos tres séculos puxeron o broche final a unha noite e madrugada inéditas, nun ambiente “cheo de maxia e de bos espíritos” e nunha “contorna única” como o Salón Nobre do Castelo de Soutomaior. Un reencontro insólito, “case” imposible, no que a presidenta da Deputación Carmela Silva, participou “encantada e moi emocionada” acompañando ás creadoras ás que María Vinyals “convocou” como anfitrioa da fortaleza, como adoitaba facer en vida na súa época. A reunión, que quixo celebrar o Día Mundial das Escritoras, foi dirixida pola propia Vinyals -representada pola escritora Mariana Carballal-,contou coa “presenza” de autoras xa desaparecidas dos séculos XIX e XX -representadas por ilustracións de María Lapido, e as voces de recoñecidas actrices galegas con textos de Isabel Blanco- e tamén concitou ás plumas máis recoñecidas da actualidade literaria galega.

Carmela Silva definiu este inimaxinable “Encontro de Escritoras”, organizado pola Deputación e comisariado pola creadora Isabel Blanco, como “único e marabilloso, que forma parte da tradición histórica das mulleres que ao longo da historia se reunían ben de xeito público e notorio, como as que organizaban as sufraxistas, ben en segredo, para tomar decisións e reclamar os nosos dereitos”. “Vimos de crear –detallou a presidenta provincial- un histórico e sorprendente espazo literario onde escritoras, poetas e feministas do pasado, xunto a escritoras e artistas do noso tempo e mulleres e mozas de Soutomaior, comandadas pola dona do castelo, María Vinyals, reivindican que as mulleres sempre aportamos moito á cultura, fomos grandes escritoras e nos conxuramos para seguir facendo as reclamacións que tristemente temos que seguir demandando neste século XXI”.

No especialísimo cumio as mulleres escritoras e feministas foron recibidas no Castelo pola “Marquesa roxa”, representada por Mariana Carballal, quen amosou a súa “felicidade” por “encher este salón tras tanto tempo”. Trala intervención de María Vinyals chegou a quenda das autoras do século XIX e XX que volveron do pasado e, así, foi posible escoitar de novo a voz de mulleres como Emilia Pardo Bazána través de Isabel Blanco e de Ángeles Barreiro que leu un fragmento de “La Tribuna”; Rosalía de Castro a través de Tero Rodríguez e de Carmen Álvarez, que leu un fragmento de “Lieders”; Juana de Vega a través de Isabel Blanco e Rita Míguez, que leu un fragmento do discurso á raíña Isabel II; Filomena Dato a través de Antela Cid e Teresa Vidal, que leu un fragmento do poemario “Follatos”; Concepción Arenal a través de Estíbaliz Veiga e Sara Rodríguez, que leu un fragmento de “La educación de la mujer”; Concha Castroviejo a través de María Costa e Carla Rodríguez, que leu un fragmento de “Víspera del odio”; Pura Vázquez a través de Casilda Alfaro que leu un fragmento do poema “A saudade i outros poemas”; Xela Arias a través de  Silvia Penas e de Aldara Cabaleiro, que leu un fragmento do poema “Intempériome”; e Sofía Casanova coa voz de Débora Vukusic e de Valeria Narciso, que leu un fragmento do poema “Quero Galicia, no teu adorado seno”.

Foto: Rafa Estévez

Posteriormente tivo lugar a actuación da soprano Esperanza Mara, que rendeu homenaxe á tiple-contralto Lucrecia Arana, que tantas veces visitou o Castelo de Soutomaior xunto ao escultor Mariano Benlliure na época de Vinyals. Tamén tomaron a palabra escritoras do século XXI, presentes no Castelo, como Isabel Blanco, Silvia Penas, Inma López Silva, Silvia Cernadas, Ana Figueiredo, Elvira Ribeiro, Regina Vega, Arantza Portabales e Ledicia Costas que, ao igual que as escritoras do século XIX e XX, leron un breve fragmento de obras da súa autoría e recibiron de mans da presidenta provincial unha camelia. Xunto ás escritoras, reuníronse tamén no Castelo de Soutomaior a presidenta da asociación “Clásicas y Modernas”, Fátima Anllo, e mulleres do mundo  libreiro, da edición ou da ilustración como Mercedes Corbillón, EdurneBaines e María Lapido. Tamén participaron veciñas e nenas de Soutomaior, para as que Vinyals sempre esixiu a mesma educación e instrución que a que recibían os homes, e ás que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo entrega de libros.

Tralo faladoiro literario tivo lugar a cea das convidadas, con conversas que se estenderon ata altas horas da madrugada, e con reflexións, reivindicacións e debate que concluíu coa sinatura dun manifesto “histórico” que se dará a coñecer este martes, 9 de novembro. “Estou emocionada”, informou a presidenta da Deputación. “Ao igual que aconteceu con Seneca Falls, chegamos a moitos puntos en común nun documento excepcional, un manifesto, que mañá faremos público e remitiremos a todos os colectivos de mulleres de España, a todas as administracións públicas, e que poñeremos á firma de homes e mulleres, con todas as reclamacións que teñen que ver co mundo da literatura e da creación. Estamos todas de acordo para seguir reclamando os dereitos, neste caso das mulleres da cultura e das letras nas que tamén temos que rachar coa fenda de xénero”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad