Redacción 03/07/2023

O PP de Nidia Arévalo aprobou cinco dedicacións exclusivas e unha parcial, elevando o gasto anual a 198.000 euros, 53.600 máis que o aprobado en 2019

Gustavo Barcia denuncia “a hipocrisía” da alcaldesa, que comezou o mandato anterior con catro dedicacións exclusivas “e agora di que é imposible gobernar así”

No pleno de organización do Concello de Mos para o mandato 2023- 2027, o Grupo Municipal do BNG pronunciouse en contra das novas asignacións de responsabilidades para os membros o equipo de goberno. O PP de Nidia Arévalo aprobou cinco dedicacións exclusivas e unha parcial, o cal vai supoñer un gasto anual de 198.000 en soldos de concelleiros e concelleiras.

O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, considera que se trata dunha cifra desproporcionada e inxustificada”, atendendo á “situación precaria” da economía municipal e indica que vai supoñer un incremento de máis do 37% con respecto ás remuneracións aprobadas ao inicio do mandato anterior.

En 2019, a alcaldesa conformara tralas eleccións un goberno con catro dedicacións exclusivas e os soldos ascendían naquel momento a 144.400 euros. Na segunda metade do mandato, tras a entrada de José Areal na corporación municipal, o PP ampliou o gasto a 176.000 euros e agora as arcas públicas deberán asumir un novo incremento. “Hai catro anos, a señora Arévalo gabábase de reducir o gasto e agora di que é imposible xestionar o Concello coas catro
dedicacións exclusivas que ela mesma aprobou naquel momento”, sinala Gustavo Barcia.

A propia alcaldesa apelou, literalmente, á “maioría aplastante” que o PP acadou o 28 de maio para xustificar o aumento das retribucións, un argumento que o portavoz do BNG cualifica de “hipócrita e inaceptable”. Na súa opinión, “a alcaldesa pensa que pode facer o que lle dea a gana, pero a democracia non funciona así e ela debería de sabelo”. No pleno de organización, Barcia denunciou que o PP “enganou á veciñanza” durante á campaña, xa que “nunca se
atreveron a revelar as súas intencións de aumentar o gasto en soldos do goberno”.

Tras coñecer o reparto de áreas do equipo de Nidia Arévalo, o Grupo Municipal do BNG reorganizará o seu funcionamento interno asignando responsabilidades ás tres persoas que obtiveron acta na corporación. Gustavo Barcia manterá a portavocía, pero Sara Samartín e Alberto Barreiro participarán activamente tamén nos plenos e nas comisións. “Con tres persoas, podemos triplicar as nosas capacidade de traballo, fiscalizando de maneira máis eficaz a acción do goberno e realizando, coma sempre, propostas construtivas que beneficien ao conxunto da veciñanza”, explica o portavoz nacionalista.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad