Redacción 03/07/2023

Persoas con discapacidade de toda Galicia son as beneficiarias dos proxectos e programas que se desenvolven a través dos fondos do 0,7% das persoas contribuíntes que marcaron o recadro 106 na declaración da renda, e que xestiona a Xunta de Galicia.

As actividades que se desenvolven están destinadas tanto á inclusión social e laboral como tamén á promoción da autonomía persoal, apoio ás persoas con discapacidade e familias en diversos eidos de intervención, voluntariado e obras de mellora e adaptación de espazos, entre outras.

Cando se fai a declaración da renda, cada vez que unha persoa marca o recadro 106 de Programas de interese xeral para fins de carácter social, coñecida por X Solidaria, permite que o 0,7% do IRPF dos impostos que paga, poidan ser investidos en programas sociais como os que desenvolven COGAMI e as súas entidades membro.

Durante este ano, levaranse a cabo 32 programas e proxectos que beneficiarán a máis de 3.500 persoas, e nos que se desenvolven actividades de intervención familiar en situacións de especial vulnerabilidade ou dificultade; apoio á inclusión sociolaboral; promoción da autonomía persoal a través de actividades físico-rehabilitadoras, fisioterapia, terapia ocupacional, atención psicolóxica e social, atención temperá, información, asesoramento e orientación, intervención social, actividades de lecer, deportivas e artísticas, transporte adaptado; obras de mellora e adaptación de espazos; así como actividades de voluntariado.

Na liña de actuacións no ámbito da familia, a infancia e a dinamización demográfia, COGAMI está a desenvolver o Programa IN-Itinere, que trata de dotar ás familias de ferramentas para o acompañamento ás persoas con discapacidade, facilita o acceso a servizos de calidade e mellora a xestión emocional no eido familiar.

No que se refire ás actuacións de inclusión social, intégrase o Servizo de inclusión ao Emprego, executado por COGAMI e ACADAR, e que presta apoio á inclusión sociolaboral das persoas con discapacidade.

No eido da promoción da autonomía persoal e apoio ás persoas con discapacidade, desenvólvense unha serie de programas que levan a cabo tanto COGAMI como algunha das súas entidades membro. Engloba os programa de: atención especializada, que inclúe actividades físico- rehabilitadoras, de atención psicolóxica así como un servizo complementario de atención social, a través das entidades AGL, AFFOU, GRUMICO, AGFQ; atención social, asesoramento e intervención, desenvolvido por ACCU Ourense, ACEM Coruña, ASOTRAME e ACEM Santiago, que promove a igualdade de oportunidades na participación social e no acceso ao mercado de traballo; promoción da autonomía persoal, que leva a cabo COGAMI e as entidades ASEM Galicia, ASEARPO, CONARTRITE, AODEMPER e AVANTE, e que inclúe accións de información, asesoramento e orientación así como de terapia ocupacional, psicoloxía, fisioterapia, actividades de lecer e artísticas; atención integral, executado por COGAMI e ADAPTA, AMIZADE e AVEMPO, que procura mellorar a autonomía e a calidade de vida a través de actividades de rehabilitación, mantemento e mellora das condicións de saúde física; atención social e asesoramento especializado, executado por COGAMI e as entidades ALCER Coruña, ALCER Ourense e ALCER Pontevedra; atención temperá, desenvolvido por MISELA e VONTADE, e dirixido a menores entre 0 e 6 anos con trastorno de desenvolvemento e/ou posibilidade de padecelo, e a nenas e nenos entre 6 e 16 anos con discapacidade recoñecida legalmente e as súas familias; así como o programa de lecer, cultura e deportes inclusivos, executado por COGAMI e ÁMBAR; ou o servizo de transporte adaptado.

Dentro dos proxectos de investimento e obra, levarase a cabo a instalación fotovoltaica nos Centros de Fingoi (en Lugo), Medelo (en Silleda) e Ferrol, así como a renovación da luminaria, co fin de mellorar a eficiencia enerxética. Realizaranse tamén, traballos de carpintería e mantemento exterior en Medelo e Fingoi así como a instalación dun cambiador inclusivo neste último centro. Renovarase o equipamento informático no Centro de Monteporreiro (en Pontevedra), adquirirase novo material audiovisual para a promoción da comunicación inclusiva, e contarase coa dotación dunha nova furgoneta adaptada. COGAMI tamén está a executar o proxecto de construción de novas instalacións en Santiago de Compostela. Así mesmo, nesta mesma liña enmárcanse proxectos executados por entidades membro como os traballos de conservación nos centros ACEM Santiago e ADISBISMUR (en Outes); a mellora das condicións térmico- acústicas e enerxéticas de ASPAMITE (en Teo), a instalación solar fotovoltaica nos centros de AIXIÑA (en Ourense) e ÍNTEGRO (en Cabana); ou a renovación do equipamento informático e dixital en AGORA, (Monforte).

Outros dos programas que se están a desenvolver a través dos fondos da X Solidaria recolle actuacións destinadas ao voluntariado, a través do Programa de Voluntariado e a Rede de Voluntariado de COGAMI, co obxectivo de mellorar a calidade das accións desenvolvidas e o grao de satisfacción das persoas voluntarias.

Todos estes programas, que contan co financiamento da Xunta de Galicia, supoñen que as persoas con discapacidade teñan acceso a actividades e recursos encamiñados a mellorar a súa calidade de vida e inclusión social.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad