Cun investimento de 1,2 M€ dos Fondos Next Generation, as actuacións no instituto recollen a mellora do confort térmico da comunidade educativa coa renovación de cubertas e fiestras, así como a eliminación de barreras arquitectónicas
O pasado 1 de setembro do 2021, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitaba o IES Pino Manso para dar conta das actuacións que se levarían a cabo para a rehabilitación. Este martes acompañado polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, concelleiros e os equipos directivos dos centros educativos do municipio, voltou para comprobar o resultado das obras de rehabilitación integral nas que o seu departamento investiu preto de 1,2M€, financiados con Fondos Next Generation xestionados polo Goberno Central, e enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que conta cun orzamento total para os centros de ensino galegos de 191M€ ata o 2024.
O conselleiro subliñou que esta obra eleva aos 2,6M€ o investimento realizado nos sete centros educativos cos que conta o Concello do Porriño. Román Rodríguez lembrou tamén que no IES Ribeira do Louro, impártese este ano por primeira vez o único ciclo en Galicia de grao medio en Pedra Natural en modalidade Dual, ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería e o Cluster do Granito.
As obras consistiron na muda de todas as cubertas, incluíndo tamén os canlóns e baixantes, e aplicouse un sistema de illamento térmico exterior ás fachadas. Tamén se cambiou toda a carpintería exterior por unha nova con rotura de ponte térmica e vidros dobres e renováronse as persianas e as súas caixas, colocando unhas novas de aluminio con illamento térmico de poliuretano.
A rehabilitación integral do centro incluíu tamén traballos para mellorar a súa accesibilidade, coa execución de tres ramplas para a eliminación de barreiras arquitectónicas e tamén cambios na distribución da planta semisoto, entre outras actuacións. Como actuación complementaria, estase instalando un ascensor no instituto.