Sthela Táboas 13/02/2023

O calendario deportivo conxunto comezou esta pasada fin de semana e acolle trail, BTT, motos, andainas, hoquei, basquet, artes marciais, remo, tenis ou baile

A Eurocidade Tui-Valença presentou o seu Calendario Deportivo da Eurocidade 2023 con máis dunha decena de probas deportivas de múltiples disciplinas, que se celebrarán ao longo deste ano e grazas a colaboración dos dous municipios transfronteirizos.

A primeira cita deste calendario foi esta mesma fin de semana co Trail do Aloia, unha proba clásica que tamén serviu de inicio para a Pontevedra Trail League.

Dende o venres, coincidindo con esta presentación abriuse o prazo de inscrición para outra das probas destacadas deste calendario: a décima edición da Eurocidade BTT que organiza a Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, o vindeiro 12 de marzo. No mesmo mes, as outras citas deportivas serán o 4 de marzo co TT Eurocidade de Motos e o 25 co TT Eurocidade Jeeps.

Amais, con frecuencia mensual, haberá unha andaina dentro do Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade, serán un Tui e outro en Valença. Comezarán en abril polas Festas de San Telmo e logo haberá percorridos por Sanfíns, Ribadelouro, o Cerdal, polo centro histórico de Tui, por Friestas, pola Macoca e por Fontoura.

En abril o deporte será o baloncesto, co Torneo Mini de Basquet Eurocidade que terá lugar o 1 e 2 en Valença. Coa chegada do verán, e xa en xuño, terá lugar a Rampa do Monte do Faro e o Campionato de Kung Fu Eurocidade. En xullo o protagonismo será para o judo co Torneo Eurocidade o 8 e 9.

Co inicio de setembro, Tui e Valença vivirán tres xornadas de hoquei, un novo Torneo Internacional de Basquet, a Regata de Remo Eurocidade e, aínda con data por determinar en setembro e outubro, o Torneo de Tenis da Eurocidade.En novembro haberá dous eventos deportivos: primeiro o Torneo de Baile Deportivo e a Urban Trail Night o 26 de novembro.

A presentación e detalle de todas estas citas deportivas tivo lugar o venres no salón de plenos da Casa do Concello de Tui. No acto estiveron presentes o alcalde, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Carpinteira, os concelleiros de Deportes de Tui e Valença, Rafael Estévez e Arlindo Sousa, acompañados por representantes das distintas asociacións deportivas e empresas organizadoras dos eventos deportivos.

Neste senso, o rexedor tudense destacou o seu agradecemento aos implicados na organización de todas as probas que conforman un calendario deportivo que calificou de único na Europa occidental polo seu carácter transfronteirizo. Asemade, destacaba Cabaleiro o firme compromiso da Eurocidade por apostar polo deporte, un ámbito importante, dicía, na vida e desenvolvemento das persoas.

Por parte de Valença, o seu presidente, José Manuel Carpinteira, animou a seguir traballando polo deporte da Eurocidade e tamén a gozar dun calendario único e moi completo. Falaba tamén de que o deporte comulga con todos os valores da Eurocidade: unión e cooperación.

Pola súa banda, tanto o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, coma o seu homólogo en Valença, Arlindo Sousa,  agradeceron o traballo e a colaboración de clubes, institucións e empresas colaboradoras para levar a cabo, un ano máis, un calendario completo, con 15 eventos deportivos que abranden a práctica totalidade de meses deste 2023.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad