Sthela Táboas 12/02/2023

Premiarase a fotografía con máis “me gusta” realizada nun dos tres photocalls instalados para dinamizar o comercio e hostalería local

O Concello de Tui lanza a campaña “Namórate de Tui” para celebrar o Día de San Valentín o martes 14 de febreiro; iniciativa que busca o fomento das compras no comercio local, así como o consumo nos restaurantes do municipio, aproveitando esta celebración.

Por iso se  instalaron, até o domingo día 19, elementos decorativos a modo de photocallna Praza da Inmaculada e na Praza de San Fernando, así como un corazón iluminado na glorieta de Vigo. Deste xeito se lanza un concurso no que se premiará a fotografía con máis ‘me gusta’, cunha cea romántica e unha noite na casa rural Rectoral de Areas para dúas persoas.

Como non podía ser doutro xeito, as fotografías deberán ser realizadas nalgún dos photocalls colocados na cidade e deberán subirse a Facebook ou Instagram baixo o hadstat #amorporTui e nomeando a conta do Concello de Tui na respectiva rede social. As instantáneas poden ser publicadas ata as 12.00 h do luns 20 de febreiro.

Logo do éxito acadado polas últimas campañas de promoción do comercio local, a concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, explica que “este ano o Concello apostou por impulsar unha nova campaña na rúa, nas redes sociais e nos medios de comunicación como chamamento da acción comercial, reivindicando así a importancia de comprar no noso comercio local, este 14 de febreiro e todos os días do ano”. Destaca que “é unha iniciativa coa que volvemos a amosar o apoio deste goberno na promoción do comercio local”.

A campaña, impulsada pola concellería de Comercio e Mercados, contou coa colaboración do alumnado do obradoiro de carpintería e de persoal municipal para a elaboración dos elementos decorativos.

Paralelamente, está en marcha unha campaña de promoción do comercio e da hostalería local a través dos medios de comunicación e das redes sociais de @QueroTui. Amais, con motivo de San Valentín, haberá sorteos de produtos doados por establecementos locais até o próximo domingo 19 de febreiro.

Esta iniciativa inscríbese dentro da campaña #ElixeTui, iniciada hai uns meses polo Concello de Tui, e a comunidade comercial @QueroTui, co obxectivo de crear unha marca comercial e poñer en valor o comercio e a hostalería local.

A cartelería correspondente a estas campañas está a disposición dos establecementos na Oficina Municipal de Turismo no paseo da Corredoira.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad