Sthela Táboas 12/02/2023

Os traballos superan o 30% de execución do proxecto de ampliación que conta coa madeira como compoñente relevante en gran parte da súa construción

As obras de ampliación do centro de saúde do Porriño tiveron a visita este venres do conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña e o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañados do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

Lorenzo amosouse moi satisfeito do avance dos traballos cuantificados en máis do 30% de execución “Estamos ante un feito importantísimo para o noso Concello, porque era algo moi necesario e moi demandado”, subliñou o alcalde porriñés que dado o bo ritmo das obras “dentro de moi pouco, neste mesmo 2023, xa será unha realidade e todos poidamos facer uso destas novas instalacións”. Unha realidade que chega cun retraso de 13 anos dende a cesión dos terreos á Xunta.

Xunto ao xerente da área sanitaria -Javier Puente-, o conselleiro do Medio Rural -José González- e do director da Axencia Galega da Industria Forestal -Jacobo Aboal-, o titular de Sanidade detallou o proxecto que abrangue unha superficie de ampliación de máis de 1.100 m2, reorganización dos usos e distribución entre o edificio existente e o novo, no que “unha vez que se remate esta parte nova, pasarase a unha segunda fase, que será a reforma da existente”.

Neste centro de saúde, “vaise incorporar a madeira -e máis concretamente o piñeiro galego- como elemento estrutural na súa fachada, revestimentos interiores e no acondicionamento acústico do edificio”; unha iniciativa que “forma parte dun acordo ao que chegamos as consellerías do Medio Rural e de Sanidade para fomentar o emprego da madeira galega nestas instalacións”, remarcou González.

Segundo detallou Comesaña, a obra leva ao centro a dispoñer de tres andares cos seguintes espazos asistenciais: 8 consultas de Medicina de Familia, 6 de Enfermería, 1 polivalente, 1 sala de toma de mostras, 1 sala de técnicas, 1 de Farmacia, área de Fisioterapia, área de  Odontoloxía, área de Pediatría (3 consultas de Pediatría e 2 de Enfermería pediátrica), 1 consulta de matrona, sala de educación sanitaria, despacho traballador social, despacho de coordinación, sala de estar de persoal, sala de xuntas, 1 despacho en admisión. E na área do PAC, 2 Salas de Reanimación/Observación, 3 consultas médicas e 2 consultas de Enfermería, 6 dormitorios, sala de persoal aseos e vestiarios.

Comesaña tamén destacou que o equipo do centro de saúde do Porriño aprobou xa o seu primeiro plan local de saúde, o que permitirá mellorar a asistencia, e sinalou que o seu persoal administrativo resolve, no mesmo día, o 99% das chamadas, devolvendo as non atendidas en primeira instancia nun tempo medio de 38 minutos. No que respecta á demora, o conselleiro dixo que “o 75% dos médicos do centro teñen cita dispoñible en menos de catro días”.

Destas últimas declaracións discrepan tod@s aqueles porriñeses que nos últimos meses tentaron coller cita co seu médico de familia correspondente; tanto na mala xestión do servizo de atención telefónica robotizada, como nos tempos de espera das quendas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad