Foron 446 turistas e 70 peregrinos e peregrinas. Consolídase unha tendencia á desestacionalización do turismo.
A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui atendeu no pasado mes de xaneiro a un total de 516 visitantes nas súas dependencias no céntrico Paseo da Corredoira. Este número abrangue a un total 70 peregrinos e 446 turistas que se achegaron á nosa cidade ao longo do pasado mes.
Dos 446 turistas, 367 deles eran de procedencia nacional e os restantes 79 de orixe internacional. Rexístrase unha maioría de turismo de proximidade, procedente de Pontevedra (78) e A Coruña (25), pero tamén de procedencias clásicas como Madrid (44), Barcelona (16), Asturias (11) ou León (11). No que atinxe aos turistas estranxeiros, chegan especialmente dende Portugal (40) e tamén de Reino Unido (8), Arxentina (7), Brasil (5), Alemaña (4) ou Polonia (3).
Pola súa banda, dos 70 peregrinos e peregrinas procedentes de España, proviñeron destas orixes: Madrid (6), Salamanca (4), Ourense (3), Cáceres (2), Murcia (2), Valencia (2) ou A Coruña (2). Os 45 peregrinos e peregrinas internacionais chegaron dende Portugal (9), Arxentina (9), Alemaña (5), Sudáfrica (3), Reino Unido (3), Estados Unidos (2) e Canadá (2).
Os datos de visitantes están en liña coas cifras anteriores á pandemia, pois no ano 2020 foron 558 os visitantes atendidos na Oficina Municipal de Turismo, localizada daquela na Praza de San Fernando xunto á catedral.
Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes datos son moi positivos, pois reflicten unha tendencia clara á desestacionalización da afluencia de visitantes observando que, mesmo en meses denominados de “tempada baixa”, a presenza de turistas e visitantes xa non é anecdótica, e “mantén un positivo dinamismo que favorece o desenvolvemento socio-económico do noso municipio”. Do mesmo xeito, salienta o esforzo que o Concello de Tui realiza mantendo aberta todo o ano a Oficina Municipal de Turismo para contribuír a afianzar este proceso e fortalecer o posicionamento de Tui como destino turístico.