Foron 520 participantes en total dos que 146 asistiron aos obradoiros infantís e 374 acudiron ao planetario
O Mercadiño Solidario de Libros tamén contou con 150 usuarios da Biblioteca
As actividades de Nadal, organizadas pola Biblioteca Pública Municipal de Tui durante as festas de Nadal, acadaron unha cifra de participación de 520 tudenses e da contorna.
Por unha banda aos cinco obradoiros desenvolvidos polas mañás entre o 26 e o 30 de decembro con temática diversa asistiron 146 nenos e nenas. Os obradoiros celebrados foron de obxectos de Nadal, animais fantásticos, xogos, contos e maxia.
Por outra parte na primeira semana de ano, entre o luns 2 e o mércores 4, a Biblioteca Municipal acolleu o “Planetario: navegando polo universo” con seis sesións diarias. Neste Planetario dedicado ao público familiar contouse coa participación de 374 persoas, maioritariamente de idade infantil, pero tamén persoas afeccionadas a astronomía que non quixeron perder esta actividade de divulgación científica.
A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, amosa a súa satisfacción por estes datos “que confirman o interese desta programación de “Nadal na Biblioteca” que combinaba aspectos lúdicos e de lecer coa divulgación, neste caso, de coñecementos sobre o universo”.
Balance do Mercadiño Solidario de Libros
Persoas voluntarias da Asociación Asistencia SOS Tomiño Baixo Miño e a coordinadora dos Servizos Sociais Municipais achegáronse o pasado xoves 5 de xaneiro ata a Biblioteca Municipal de Tui, para recoller e facer entrega dos alimentos doados polos usuari@s do Mercadiño Solidario de Libros.
Os exemplares ofertados foron de temática moi ampla e variada, desde novelas, libros infantís e xuvenís, de coñecementos, de non ficción, incluso algunhas obras de consulta.
O resultado desta nova edición do Mercadiño Solidario de Libros foi altamente positivo para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, “tanto polo alto número de alimentos recollidos, como polos máis de 150 usuarios da Biblioteca Municipal que participaron nesta campaña”.