Sabela Landín 27/12/2022

As temáticas máis repetidas sobre estas consultas están relacionadas co emprego (45%), co acceso a recursos da administración (41,5%) e coa accesibilidade (13, 3%).

Este servizo está dirixido tanto a persoas con discapacidade como familiares, ademais de entidades representativas do ámbito da discapacidade.

A área Xurídica da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) conta cun servizo de asesoramento gratuíto especializado que está dirixido a persoas con discapacidade e familias, ademais de entidades representativas do ámbito social da discapacidade. O obxectivo principal deste programa de atención integral é apoiar, informar e asesorar sobre os recursos sociais existentes e facer intervencións sociais naquelas situacións que o precisen.

Cumprindo con este obxectivo, a área Xurídica atendeu durante este ano un total de 142 consultas, a maior parte destas procedentes da provincia de A Coruña, un total de 95 consultas, seguida das 27 da provincia de Pontevedra, 12 consultas dende Lugo e 8 chegaron da provincia de Ourense. As temáticas destas están relacionadas con accesibilidade, emprego, dereitos, axudas e trámites, recursos, etc.

Dende a posta en marcha deste servizo, que está financiado cos fondos que xestiona a Xunta de Galicia e que proceden do 0,7 % do IRPF da declaración da renda daquelas persoas contribuíntes que marcaron o cadro 106 de Actividades de interese xeral consideradas de interese social, a temática que máis se repite está relacionada emprego e a inserción laboral. Un total de 64 consultas foron as remitidas sobre esta temática, interesadas por coñecer incentivos á contratación de persoas con discapacidade, sobre a cota de reserva do 2%, os requisitos de acceso e mantemento das bonificacións á Seguridade Social, como pode afectar a situación de incapacidade laboral para profesión habitual e tamén sobre a reserva de prazas nas oposicións convocadas neste ano.

Outra das temáticas que máis se repite está relacionada co acceso a recursos. Foron 59 as consultas que chegaron solicitando máis información sobre a que tipo de recursos da administración se pode acceder coa valoración da dependencia, que beneficios fiscais ten unha persoa con discapacidade, as prestacións económicas existentes vencelladas á discapacidade ou tamén como atender situacións de vulnerabilidade de persoas con discapacidade e familias.

Outro bloque temático que máis se repite nas consultas derivadas á área Xurídica está relacionada coa accesibilidade. Remitiron 19 consultas interesadas pola falta de accesibilidade en espazos públicos que impiden ou restrinxen a mobilidade das persoas con discapacidade, a falta de accesibilidade en vivendas e as limitacións no dereito de participación social como a participación de actividades de lecer, culturais, educativas ou de acceso a servizos públicos.

Outras atencións realizadas pola área Xurídica de COGAMI foron as 14 intervencións de apoio ao movemento asociativo, para atender ás demandas do asociacionismo que teñen incidencia respecto dos dereitos das persoas con discapacidade.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad