Redacción 26/12/2022

O Porriño chora hoxe o pasamento dunha grande insignia artística que pon selo á cultura porriñesa aínda que a súa persoa preferíu sempre manterse en segunda liña

Á idade de 85 anos, finou no día de hoxe, Antonio Ignacio Paz Valverde, un dos máis claros referentes culturais da vila do Porriño e da música coral galega.

Antonio Paz, nado en 1937, estudiou no Colexio dos Xesuítas de Camposancos (A Guarda) e con só catorce anos xa dirixía o coro desa entidade.

Aos dazaseis compón a que será, posiblemente, a súa primeira obra para piano só titulada María Teresa, adicada á súa noiva e logo muller, Teresa Álvarez.

Logo de participar en diferentes coros de canto litúrxico, en 1959 funda a Coral Polifónica do Círculo Recreativo Cultural do Porriño que, durante varias décadas, sería o altavoz da súa sabiduría musical e das súas excelentes dotes de dirección e composición de música coral. En 1970 crea o Coro Infantíl da Coral que foi unha verdadeira canteira para a mesma. A totalidade das e dos compoñentes do Coro o chaman a día de hoxe “Tío Tonio”.

Coa disolución da Coral Polifónica nos anos 90, Antonio continúa dirixindo temporalmente á Coral da Terceira Idade, o coro Da Forna de Budiño, a Coral de Atios e a Coral de Torneiros e, finalmente, o “Orfeón Porriñés”.

As actuacións da coral, dirixida en toda a súa traxectoria por Antonio Paz, eran verdadeiros acontecementos sociais na vila do Porriño e diferentes xeracións de porriñesas e porriñeses, a inmensa maioría sen estudios musicais, formaron parte dela. Nos repertorios incluíanse dende Espirituais afroamericanos, Habaneras e sobre todo, xunto ás obras de propia creación, Zarzuelas como “Los Gavilanes” ou “Katiuska”.

Moitos destes concertos foron acompañados ao piano polo mestre Jesus F. Yepes, o seu irmán Camilo Paz e finalmente polo pianista Alejo Amoedo.

Para a coral compuxo o mestre Paz Valverde un repertorio propio de música galega, con textos de poetas contemporaneos como Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María ou Álvarez Blázquez ou Pimentel que trascenderon á propia coral porriñesa e pasaron a formar parte do repertorio de distintas corais galegas e incluso de fóra de Galicia.

Cancións como “O neno durmía”, “María Soliña”, “O cuco”, “Si eu souber”, entre outras, forman parte da memoria musical do pobo do Porriño e do mundo coralista galego.

Tamén destacou nas composicións de música litúrxica cunha fermosa versión da “Misa en Galego”.

Parte de este repertorio de composición propia foi editado en tres singles gravados pola propia coral en Madrid no ano 1968.

Antonio Paz, así o recoñece o poeta Manuel María, co que mantivo correspondencia, foi un verdadeiro pioneiro na música galega e o primeiro, o un dos primeiros, que musicou aos poetas contemporaneos.

Pero con Antonio Paz non só morre un brillante músico senón, tamén, unha persoa que foi un exemplo de vida polo seu especial xeito de ser. A sinxeleza e o bo trato, e mesmo a súa profunda humildade, son hoxe comentario unánime das persoas que tiveron a sorte de coñecelo, pertenceran ou non á coral.

Maís información no Arquivo de Imaxe do Porriño e no estudio “A Coral Polifónica do Porriño e o compositor Antonio Paz Valverde” de Xosé Ramón Paz Antón. https://antoniopazvalverde.files.wordpress.com/2020/08/ultimo-maqueta_texto_coral.pdf

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad