Sthela Táboas 21/12/2022

O grupo de oposición porriñés reclama que “as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar van pasando dunha adxudicataria a outra e os incumprimentos son constantes” reflectindo “unha realidade incómoda que non casa ben coa fantasía e a festa continua que se quere vender”

Máis de 60 traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar –SAF- van pasando dunha empresa a outra coma mercadoría. A xestión a través de empresas privadas de servizos básicos conleva á vulneración dos dereitos das traballadoras, mala atención ás persoas dependentes e espolio dos recursos públicos.

Tras as conversas mantidas entre Eu Son-EU coa presidenta do Comité de Empresa, a situación nestes intres é a seguinte:

“A empresa SOCISER, que deixa de prestar servizos a fin de ano tras renunciar ao contrato, aínda non facilitou as nóminas de novembro nin a da paga extra que están a ingresar estes días.  A entrega deste documento, cos seus importes detallados, é unha obriga para a empresa, que estaría a cometer unha infracción”.

“A empresa ARALIA, nova adxudicataria, comunica que non disporán de roupa de traballo axeitada ata despois de Reis xa que non tivo tempo ata o de agora, malia que o contrato se adxudicou o 4 de novembro. Polo de agora teñen que traballar cunhas batas”.

“A oficina na que continuará a nova adxudicataria, está a máis de 6 km do Concello, ao final do polígono da Granxa; e o desprazamento ata alí supón uns gastos polos que non reciben compensación”.

Por todo o anterior, dende Eu Son-EU queren denunciar novamente que “o Concello ponse de perfil e o alcalde incomódase ante as demandas da plantilla. Con estas traballadoras non hai foto porque a súa situación de explotación e precariedade é unha realidade incómoda, que non casa ben coa fantasía e a festa continua que se quere vender. Insistimos e insistiremos na necesidade e viabilidade dunha remunicipalización do servizo”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad