A formación nacionalista propón tamén a creación dunha liña de axudas ás traídas de augas, así como o incremento das subvencións a clubs deportivos
Gustavo Barcia denuncia o malgasto en actuacións propagandísticas, como a instalación dunha nova pantalla LED na rotonda das Angustias
O BNG de Mos presentou 14 emendas aos orzamentos municipais elaborados polo PP de Nidia Arévalo para o ano 2023. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, cre que “é preciso mellorar certos eidos que están mal financiados ou que directamente foron esquecidos por parte do goberno municipal”. Barcia indica que “o BNG presenta estas emendas con espírito construtivo, pero non oculta o seu temor de que o PP as rexeite todas, “tal como fixeron en anos anteriores”.
Algunhas das propostas do BNG van encamiñadas a reforzar as partidas destinadas a Servizos Sociais. Solicítase, por exemplo, un maior investimento no Centro de Información á Muller (CIM), pasando dos 22.000 euros asignados na proposta do PP a 50.000, unha cantidade que en opinión de Barcia “é moi necesaria para afrontar a loita contra a violencia de xénero e apoiar ás vítimas das agresións machistas”. Do mesmo modo, tamén se propón un incremento da partida destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para elevala ata 1.100.000 euros.
Outra das áreas nas que Gustavo Barcia reclama un maior investimento é a de Cultura, asignando 13.000 euros máis ao Plan Cultural e creando unha partida específica para as actividades do tecido asociativo. No eido da conciliación familiar, proponse a asignación de 5.000 euros para as Escolas de Verán e por outra parte, solicítase un incremento das subvencións para os clubs deportivos, así como a súa extensión ás entidades que actualmente non teñen acceso a elas. Tamén se propón unha notable ampliación da cantidade asignada a transporte urbano e o establecemento dunha liña de axudas municipais para as traídas veciñais de augas, unha medida que o BNG xa trasladou ao pleno en varias ocasións e que foi rexeitada sempre polo goberno do PP.
Frear o malgasto
O portavoz nacionalista lamenta que as contas municipais sexan, ano tras ano, “papel mollado” e denuncia que “este goberno das chapuzas gasta sen control e de mala maneira”. Na súa opinión, “prefiren a foto dunha mala obra que a discreción dun bo investimento en servizos sociais ou cultura” e pon como exemplo desta obsesión pola propaganda a asignación dunha partida de 15.000 euros para o renting dunha pantalla LED na rotonda das Angustias. Aínda así, considera que “o máis grave é todo aquilo que non aparece nos orzamentos” e lembra que nas contas de 2022 non estaban previstos os 35.000 euros gastados en letras luminosas de ‘Somos Mos’, os 50.000 entregados a Unipublic pola chegada da volta ciclista ou os 11.000 destinados a camisetas e merchandising. “Gastan o diñeiro público como se non tivera dono, cando son cartos de toda a veciñanza e deberían mirar cada céntimo”, apunta Barcia.
Emendas do BNG aos orzamentos municipais de Mos 2023:
- Creación de Liña de axudas traídas de augas veciñais = 60.000€ (Orzamentos do PP = 0€)
- Aumento da partida do Centro de Información á Muller = 50.000 (orzamentos do PP = 22.000€)
- Aumento da partida do Servizo de Axuda no Fogar = 1.100.000€ (orzamentos do PP = 1.050.000€)
- Aumento da partida de Actividades con escolares = 12.000€ (Orzamento do PP = 4.000€)
- Aumento partida Conservatorio de Torroso = 60.000€ (Orzamento do PP = 50.000€)
- Creación dunha partida para Escolas de Verán = 5.000€ (Orzamento do PP = 0€)
- Aumento da partida de transporte urbano = 60.000€ (orzamento do PP = 25.000€)
- Creación dunha partida para Actividades Culturais das Asociacións = 12.000€ (orzamentos do PP = 0€)
- Aumento da partida do Plan Cultural = 50.000€ (orzamentos do PP = 37.000€)
10.Creación dunha partida para o Día das Letras Galegas = 5.000€ (orzamentos do PP = 0€)
11.Aumentos das partidas orzamentarias subvencións clubs deportivos:
◦ Club de fútbol Alerta = 3.000€ (PP = 2.500€)
◦ U.D. Mos = 10.000€ (PP = 8.500€)
◦ C.D. Louro = 10.000€ (PP = 8.500€)
◦ Club Xadrez Mos = 5.700€ (PP = 5.000€)
◦ Club Natación Mos = 4.700€ (PP = 4.000€)
◦ Escola Patinaxe Mos = 4.700€ (PP = 4.000€)
◦ Club Patinaxe Rosaleira = 2.100€ (PP = 1.800€)
◦ Club Tenis de Mesa = 1.300€ (PP = 1.000€)
◦ Xiramos = 2.100€ (PP = 1.800€)
◦ Club de fútbol Santiaguiño = 3.000€ (PP = 0€) - Creación da partida para Arranxo pavillón deportivo de Sanguiñeda = 30.000€ (Orzamentos PP = 0€)
- Aumento da partida Tempo de lecer = 15.000€ (Orzamentos PP = 10.000€)
- Aumento da partida de Ocio en Familia = 6.000€ (Orzamentos PP = 3.000€)
En total, modificacións por un montante de 267.500€.