Sabela Landín 16/11/2022

Tras a restauración do presbiterio e dos sepulcros dos primeiros Marqueses, realizaranse agora obras de conservación das fachadas do edificio

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou hoxe de que xa se contan cos necesarios permisos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e do Bispado para as obras de conservación da Igrexa de Santa Baia de Mos, que se acometerán a petición do cura párroco David López Castro, promotor tamén da xa rematada restauración e posta en valor do presbiterio e das tumbas dos primeiros Marqueses de Mos na mesma Igrexa. Así mesmo, a rexedora local mosense explicou que se atopa tamén xestionando coa consellería de Cultura da Xunta de Galicia a financiación necesaria para levar a cabo os devanditos traballos, que contan cun orzamento total de 48.168,66 €.

As obras darán solución ás afeccións actuáis detectadas nas fachadas e derivadas da humidade en parámentos horizontais, xa que a auga ten unha influencia directa con este tipo de procesos e no desenvolvemento de distintas especies vexetais, o que conleva deterioro e un efecto visual anti estético. Obsérvanse distintas especies de liques nas fachadas, que abarcan tons de cor branca, en gran parte dos muros da fachada norte, gris, amarelo, verde e avermellado. As manchas negras localízanse en gran medida nas superficies horizontais e tamén en paramentos verticais, sometidas á escorrentía da auga de choiva. As obras para realizar encádranse dentro das obras de conservación e restauración, porque pretenden recuperar as fachadas, evitando posibles filtracións de auga e recuperar o aspecto inicial das mesmas.

As solucións construtivas empregadas serán a limpeza en húmido das acumulacións de suxedade, manchas de humidade e colonizacións de mofos, algas e microorganismos varios mediante tratamento biocida (fungicida-algicida) superficial adecuado para a destrución e prevención de proliferación de novas colonizacións, mediante cepillado suave en húmido con cepillos suaves impregnando a superficie por nebulización cunha solución acuosa de biocida cloruro de benzalconio ou similar ao 2% en auga desionizada para despois neutralizar con auga e unha segunda aplicación preventiva se fose necesario. Comezarase polas partes altas en franxas horizontais completas, limpando con auga abundante os detritus que se acumulen nas zonas inferiores. Exclúense os elementos escultóricos e labrados.

Os traballos incluirán tamén picado de xuntas retirando manualmente o morteiro disgregado. Limpeza de xuntas, gretas e fisuras. Retiraranse os morteiros de xunta desprendidos ou inadecuados empregando métodos mecánicos manuais, como cincel, maceta e espátula, con máximo coidado para non danar a pedra. Tras unha limpeza en profundidade da xunta farase un soprado con aire a baixa presión e aspirador rematando coa aplicación de auga atomizada.

Procederase a un rexuntado de muros de fábrica de sillería, con xunta refundida, con humectación da superficie e inxección de morteiro predosificado a base de cal hidráulico natural pura e con áridos seleccionados, colmatado en profundidade, enchendo ata enrase, eliminación das rebabas de morteiro e limpeza da pedra a medida que se realiza o rexuntado, con mostras de acabado, cor e textura a elixir. Os traballos serán supervisados por especialistas restauradores.

Na limpeza das fachadas, con retirada manual de musgo, liques e algas, terase en conta sempre que a ferramenta empregada non provoque erosións ou perdas de material. Empregando auga naqueles puntos onde se requira para abrandar a biocolonización. Nos traballos en fachada, deberán tomarse as medidas de protección necesarias en relación ao risco, sendo importante tamén, medidas que leven á limitación de produción de po e ruído, así como a protección de elementos que seguirán en servizo durante a execución da obra.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad