Coa súa obra ‘Lume’, o autor repite gañando o certame, xa que anteriormente o fixera con “A cámara escura” na terceira edición deste premio
O IES Ribeira do Louro acolleu o luns pola tarde a entrega do V Premio Vidal Bolaño, que este ano recoñeceu a José Luis Baños de Cos pola súa obra “Lume”, unha obra moi acaída pola temática e pola linguaxe empregada para a súa representación ou lectura nos centros de ensino secundario.
José Luis Baños de Cos, natural de Jerez de la Frontera, é Licenciado en en Antropoloxía Social e cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Autor da obra “O faiado”, da compañía O Cubo Teatro, “A espera”, de Titereficcións, e “Suite up”, de Fanfarra Teatro. En 2028 gañou o I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle coa obra “O círculo”, e en 2019, A pegada de Microteatro, convocada por ESAD Galicia, con “Cheas de Bestas”. Tamén o XIV Premio Abrente do MIT de Ribadavia con “Asfixia”. En 2020 gañou o III Premio Vidal Bolaño pola súa obra “A cámara escura”.
Acompañando ao gañador estiveron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez; a secretaria do premio e profesora do instituto porriñés, Raquel Castro; e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro,.
Tal e como explicou Raquel Castro, o xurado do Premio de Textos teatrais Roberto Vidal Bolaño destacou da peza que “é unha obra que aborda o tema das diversas violencias sociais, como a homofobia ou a violencia de xénero, das que todas as personaxes sofren as consecuencias”. Tamén na parte escrita “cunha dramaturxia que mestura relato e drama, dalle relevancia ás partes grupais, onde a xeito de coro clásico agroma a conciencia social”.
Pola súa banda, Francisco Castro, agradeceu o compromiso do Concello do Porriño ao ser “cinco anos xa apostando por este premio que xa podemos dicir que está consolidado” e o do IES Ribeira do Louro “por ser vangarda e referencia do teatro xuvenil en Galicia”.
Alejandro Lorenzo, quixo destacar a importancia “dos valores que trasmite a obra gañadora, Lume, xa que a concienciación social é parte da esencia deste premio, achegando a través do teatro a importancia do respecto aos mozos e mozas”.
O gañador, José Luis Baños de Cos, explicou a dureza de escribir esta obra “que foi xurdindo pouco a pouco a través da realidade, que moitas veces supera a ficción en dureza. Creo que é necesario falar do acoso, da violencia de xénero… xa que é unha forma tamén de loitar contra elas”.