A cidade recibiu un importante fluxo de persoas: foron 840 os peregrinos e peregrinas e máis de 1.800 os turistas
O pasado mes de outubro Tui continuou sendo un importante punto de referencia turística na comarca e na provincia de Pontevedra. Durante este mes, un importante fluxo de turistas e peregrinos dinamizaron a actividade turística da cidade que se viu reflectida no número de visitantes da Oficina Municipal de Turismo. En total foron 2.659 os visitantes atendidos ao longo de outubro.
Analizando estes datos extráese que do total de visitas, 842 eran peregrinos e peregrinas que realizaban o Camiño de Santiago dende Tui ou como punto de paso. 425 destes camiñantes tiñan procedencia internacional e 417 eran nacionais. No que atinxe ás procedencias dos peregrinos, no caso dos estranxeiros, os principais países de procedencia son: Alemaña (85), Estados Unidos (52), Italia (45), Portugal (32), Australia (23), Colombia (27), Reino Unido (15) e Israel (12). Pola súa banda os peregrinos españois chegaron dende Madrid (90), Barcelona (44), Valencia (37), Málaga (33), Pontevedra (28), Las Palmas (18), Sevilla (16) e Baleares (16).
Pola súa banda, os turistas atendidos na Oficina Municipal de Turismo foron 1.817. Trátase maioritariamente de turistas de orixe española, con 1.667 persoas atendidas que chegaron dende: Madrid (273), Barcelona (181), Pontevedra (174), León (133 ), Navarra (77), Málaga (72 ), Xirona (61 ) e Biscaia (58). Con orixe estranxeira, os turistas atendidos foron 150, que chegaron dende os Estados Unidos (20), Italia (32), Portugal (40), Reino Unido (36), Francia (13), Alemaña (10) e Colombia (7).
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta como a afluencia de visitantes á nosa cidade segue a manter un alto ritmo, como acreditan estes datos da Oficina Municipal de Turismo que unicamente recolle unha porcentaxe dos visitantes. O sector turístico, engade o rexedor tudense, reforza o seu vigor e dinamismo que repercute positivamente no desenvolvemento socio-económico do municipio e contribúe de xeito moi eficaz ao posicionamento de Tui no mercado turístico.