Suporán un investimento por parte do Mitma superior aos 530 mil euros
O Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Mitma, adxudicou as obras de adecuación e mellora da seguridade vial na Avenida de Portugal nun tramo de 400 metros na N-551 entre o cruzamento coa N-550 (intersección do Parador) até a vella Ponte Internacional.
As obras foron adxudicadas por importe de 532.870 euros e consistirán na mellora da seguridade vial e estética desta Avenida, entrada a España dende Portugal, Camiño de Santiago e acceso á cidade.
Así o proxecto a executar comprende por unha parte a redistribución da sección transversal do tramo e reordenación do tráfico no entorno do edificio onde se ubica o Centro de Cooperación Policial e Aduaneiro, CCPA. Por outra parte adecuaranse os elementos de drenaxe existentes ao novo deseño da sección transversal. Tamén se levará a cabo a mellora da imaxe do entorno e adecuación ao valor cultural e patrimonial do tramo.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, lembra que se trata dunha vella reivindicación e dunha obra “importante, prioritaria e moi necesaria” que contribuirá á transformar “a principal porta de entrada de Portugal no noso país e Camiño de Santiago”.