Impulsado pola concellería de Igualdade coa colaboración da Biblioteca Municipal será dinamizado pola escritora Conchi Regueiro
O próximo 15 de novembro o club de lectura Tempo de Mulleres retoma a súa actividade impulsado pola concellería de Igualdade en colaboración coa Biblioteca Municipal e dinamizado pola escritora tudense Conchi Regueiro.
Esta iniciativa vai dirixida a mulleres, ofertándose un máximo de 15 prazas. As persoas interesadas deben inscribirse no correo electrónico biblioteca@tui.gal ou no teléfono 617 498 103.
En “Tempo de mulleres” analizaranse obras escritas por mulleres baixo unha atenta lectura e diálogo, analizándoas e falando sobre elas dende unha perspectiva de xénero.
A encargada de dinamizar este club de lectura será a escritora tudense Conchi Regueiro, autora bilingüe de narrativa para adultos e xuvenil sempre desde unha perspectiva feminista, pero, sobre todo, lectora apaixonada. Ten preto de vinte libros publicados, sobre todo en xénero fantásticos, pero tamén ducias de relatos e varios artigos sobre diversos temas literarios. Entre a súa obra destaca: Tempos agradables (III Premio de novela Mulleres Progresistas); Un marciano neste mundo (finalista do I Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil); La moderna Atenea (finalista dos Premios Ignotus e do premio Guillermo de Barkerville); Historias del Crazy Bar y otros relatos de lo imposible —coescrito con Lola Robles—, ou as novelas breves da saga da revolución do fume (Los espíritus del humo; La refulgencia e Aldith). Ademais, xunto con Lola Robles, foi seleccionadora da antoloxía Visiones 2016, e foi xurado en distintas edicións dos premios Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil.
As participantes reuniranse inicialmente o primeiro martes de mes para comentar e intercambiar opinións sobre un mesmo libro previamente lido, analizando diferentes textos literarios, a súa trama, o seu contido, as súas expresións, os seus personaxes, etc.
Algúns dos libros poderán ser facilitados gratuitamente, en réxime de préstamo, pola Biblioteca Pública Municipal a través da xestión do Concello de Tui e deberán ser devoltos no prazo establecido. No obstante, calquera participante que así o desexe, poderá comprar o libro de lectura seleccionado.
A primeira obra que abrirá esta nova temporada do club de lectura “Tempo de mulleres” o próximo 15 de novembro, ás 19 h no edificio Francisco Sánchez, será “O club da calceta” de María Reimóndez, obra finalista do Premio Xerais de 2005 e Premio Arcebispo Xoán de San Clemente 2007.