Sthela Táboas 18/10/2022

Enrique Cabaleiro deu a coñecer nun congreso internacional este martes os obxectivos desta actuación conxunta con Valença, Salvaterra e Monçao

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, desprazouse até Punta Umbría en Huelva, para presentar o proxecto transfronteirizo “Río Miño, un destino navegable” desenvolvido polo concello de Tui xunto ao de Salvaterra de Miño e as Cámaras Municipais de Valença e Monçao.

Deste xeito, na mañá de onte, Cabaleiro ofreceu a súa ponencia na  xornada sobre “Dinamización territorial, patrimonio e turismo no tramo internacional transfronterizo: o caso do río Miño”.

Esta actividade é un dos tres seminarios organizados no marco do Foro Internacional de Transferencia de Coñecemento en Economía Azul, que se celebra en Huelva dentro do proxecto europeo Atlazul. A organización corresponde ao Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, socio nesta acción financiada polo programa Interreg de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP).

O alcalde, Enrique Cabaleiro, tras rematar a ponencia salientou que “é toda unha satisfacción vir a presentar a un congreso internacional un proxecto que atingue  directamente a Tui, á Eurocidade Tui-Valença, e tamén a Monçao – Salvaterra, convidados polo CETMAR”. 

O rexedor tudense valorou positivamente “a acollida que este proxecto tivo neste congreso, o que nos anima a seguir traballando no mesmo”, avanzando que “debemos estudar a ampliación do mesmo cara unha segunda fase, na que haberá que reformular varias cuestións”. Engadía que “estamos diante dunha actuación que está encamiñada a pór en valor o río Miño, e mediante a súa posta en valor convertelo tamén nun elemento de dinamización turística e polo tanto económica, e tamén pondo en valor os recursos patrimoniais e culturais que temos, como un elemento de dinamización social”.

O proxecto Río Miño Navegable ten coma obxectivo principal mellorar a navegabilidade do río Miño internacional, pondo en marcha a xestión compartida do espazo Rede Natural 2000 do Baixo Miño e aproveitando a existencia de patrimonio natural e cultural de alto interese turístico asociado á especificidade do territorio coma vantaxe competitiva fronte a outros destinos. O proxecto centrouse na mellora da navegabilidade no tramo de 16 km comprendido entre as pontes internacionais Tui-Valença e Salvaterra-Monçao, a adecuación de infraestruturas fluviais, no caso de Tui no embarcadoiro pantalán situado no Penedo, e a dotación de medios de mobilidade sostible coma o barco que realiza paseos fluviais.

Este proxecto tamén recolle a creación do Centro Transfronterizo de Interpretación Ambiental do Río Miño Internacional, a posta en valor do corredor medio ambiental do río Miño, a consolidación da marca ‘Visit Miño’ -da que formou parte a apertura da nova oficina municipal de Turismo de Tui- e a creación da rúa fluvial do río Miño.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad