O mago Xavier Muro fará maxia cos números e as letras este martes ás 18.00 h nun espectáculo incluído no programa do Mes da Biblioteca
O vindeiro martes, 18 de outubro ás 18.00 h, a Biblioteca Municipal de Tui acolle unha nova actividade do programa do Mes da Biblioteca, dirixida aos rapaces co espectáculo titulado “Xogando coas palabras” a cargo do mago Xavier Muro.
En “Xogando coas palabras” as palabras, os números e as letras escollidas ao azar, van creando o espectáculo. Ao longo dos 50 minutos que dura a función o público será o que faga a maxia, porque sen saber como, realizará o espectáculo e con resultados sorprendentes.
Esta actividade pertencente ao programa Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, convida a todos os nen@s a participar nesta actividade de balde, que se inxire nos obxectivos de animación e de promoción da lectura como unha ferramenta de formación e coñecemento, pero tamén como unha oferta de lecer para todas as idades. Para ambos obxectivos a Biblioteca Municipal traballa para mellorar cada día a súa oferta bibliográfica e de servizos.