Na vella Ponte Internacional realizáronse distintas demostración co shuttle do CTAG.
A Eurocidade Tui-Valença converteuse hoxe na capital europea da mobilidade conectada coa presentación do proxecto 5G-Mobix. Así o destacou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quen sinalou o idóneo deste territorio para acoller esta presentación tendo en conta que é o lugar de maior tránsito transfronteirizo da península, e que une dous polos de gran actividade coma é a franxa atlántica de Galicia e o norte de Portugal.
Enrique Cabaleiro, na súa intervención tanto no Teatro Municipal coma a carón da vella Ponte Internacional, agradeceu ao CTAG ter elixido a Eurocidade coma sede deste proxecto e máis concretamente “un lugar emblemático coma a vella Ponte Internacional”.
O alcalde de Tui lembrou que xa trasladaron aos responsables do CTAG o interese da Eurocidade neste vehículo autónomo para mellorar a comunicación dos dous centros urbanos . Nese senso avanzaba que a través de fondo europeos “imos tratar de optar a este proxecto” porque dicía “sería unha magnífica oportunidade, en aras de mellorar a mobilidade entre Valença e Tui, e sobre todo tamén en termos de economía social e eficiencia enerxética, dispor dun vehículo autónomo que funcionase de forma seguida e conectase os centros urbanos de Valença e Tui”.
A vicepresidenta da Cámara de Valença, Ana Paula Xavier, amosou o seu agradecemento porque este territorio fose elixido para este proxecto, salientando o seu dinamismo poboacional e empresarial. unha aposta clara pola cooperación no territorio transfronteirizo máis dinámico do país.
Francisco Sánchez, director de Electrónica e Sistemas Intelixentes de Transporte do CTAG, explicaba esta mañá que a tecnoloxía 5G será a clave para a mobilidade autónoma permitindo que sexa máis segura e eficiente.
Engadía coma hoxe amósanse os resultados principais deste proxecto e de coma a tecnoloxía 5G permite informar ao vehículo autónomo da presenza de peón ou permitir o control remoto do mesmo. O vehículo autónomo do CTAG, con capacidade para 12 persoas e unha velocidade máxima de 40 km/h, circulou hoxe pola vella Ponte Internacional, amosando as distintas situacións que na condución se poden dar coma a presenza dun peón ou dun obstáculo, aos que fai fronte grazas á tecnoloxía 5G, e que permite tamén no caso de ser preciso realizar unha condución remota do mesmo