Sthela Táboas 15/03/2022

A obra da compañía  Sarabela Teatro recibíu catro Premios María Casares, entre eles o do Mellor Espectáculo

O Teatro Municipal acolle este venres 18 de marzo, ás 21.00 h, a obra “A Lingua das Bolboretas” de Sarabela Teatro; unha montaxe pola que recibiron catro Premios María Casares 2021 ao Mellor Espectáculo, dirección -Gonçalo Guerreiro-, actor secundario –Fran Lareu- e adaptación/tradución -Fernando Dacosta e Gonçalo Guerreiro-.

Esta é a cuarta ocasión na que a veterana compañía galega leva a escena unha obra de Manuel Rivas. Con anterioridade representou “O Lapis do Carpinteiro”, “O Heroe” e “Os libros arden mal”. Nesta ocasión mestura “A lingua das bolboretas” con “A traxectoria do balón”.

Gonçalo Guerreiro é o responsable da dirección e dramaturxia desta montaxe teatral que pon sobre o escenario a un gran elenco de actores: Fernando Dacosta, Elena Seijo, Josito Porto, Fran Lareu, Sabela Gago e Fina Calleja.

O mestre don Gregorio e o neno Pardal protagonizan unha historia que nos achega á fascinación infantil ante o descoñecido e do sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas. O proceso de aprendizaxe que emprende o rapaz da man do mestre da escola (unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento) é testemuña tamén da traxedia que supón vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.

As entradas xa están á venda en www.tui.gal aos prezos de 10 € e 8 €.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad