En colaboración co Ministerio de Educación, ofertará máis de 200 cursos de diversas áreas en liña con formación flexible e titorización personalizada
O Concello de Tui asinou un convenio co Ministerio de Educación y Formación Profesional grazas ao que no municipio se amplía a oferta formativa coa Aula Mentor, instalada xa no Centro Municipal de Formación e Emprego en Guillarei.
A Aula Mentor é un programa de formación en liña, non regrada e flexible que conta con titorización personalizada para o alumno ou alumna. Vai dirixida a persoas maiores de 18 anos interesadas en ampliar as súas competencias persoais e profesionais.
A través da Aula Mentor, as persoas interesadas terán acceso a un amplo conxunto de cursos, en permanente actualización, deseñados especialmente para esta modalidade de ensino a distancia, e organizados en áreas formativas dende “Iniciación á informática”, “Programación”, “Redes e equipos informáticos” a “Saúde”, “Idiomas” ou “Xestión comercial e financeira de Pemes”. Amais unha serie de cursos con carácter profesional para hostalería e turismo; servizos socioculturais e axuda á comunidade; madeira, moble e cortiza; comercio e márketing, …
Nos próximos días esta Aula Mentor de Tui estará xa operativa. Os primeiros meses serán de toma de contacto para comprobar o seu funcionamento, resolver incidencias que poidan producirse, e avaliar a implantación do servizo. Ofertará así máis de 200 cursos dirixidos tanto á mellora das competencias básicas como para a promoción da aprendizaxe ao longo da vida profesional, permitindo, unha vez completado, obter o certificado de profesionalidade.
O Concello de Tui para a posta en marcha desta Aula Mentor recibiu unha dotación inicial de 4.000 €, para a posta en marcha do programa e sufragar os gastos relacionados co mesmo.
A concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, quere agradecer a colaboración do departamento municipal de formación na consecución e posta en marcha desta Aula Mentor. Indica que “permitirá ampliar as opcións formativas dos cidadáns de Tui o que contribuirá a mellorar a súa cualificación profesional coa garantía dunha titulación avalada polo Ministerio de Educación”. Ademais indica que “como administración máis próxima aos cidadáns temos o deber e a responsabilidade de mellorar a vida das persoas, facilitando os recursos necesarios para que as persoas do rural poidan ter as mesmas oportunidades con indiferenza do lugar no que vivan”.