O IV Plan de Igualdade Municipal conta con subvención do Servizo Provincial de Igualdade da Deputación de Pontevedra, no marco das Axudas para o Fomento da Igualdade de Oportunidades e Prevención da Violencia de Xénero para concellos de menos de 20.000 habitantes do ano 2021
Onte, na sesión plenaria ordinaria do mes de febreiro, aprobouse por unanimidade o IV Plan Municipal de Igualdade do Concello de Mos (2022-2025), que contou cunha fase de avaliación mediante enquisas entre o persoal do Concello e o tecido asociativo mosense. Desde o departamento municipal de Benestar Social e o CIM -Centro de Información á Muller de Mos- traballouse na elaboración do IV Plan de Igualdade e, para elo, a Administración local mosense púxose en contacto con todos os departamentos municipais e as asociacións, co obxectivo de recabar datos que permitiron establecer un baremo da situación das políticas de igualdade en Mos.
O Concello de Mos iniciou o procedemento ante a finalizacióndo período de vixencia do III Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes, aprobado en 2015 e prorrogado en Pleno no ano 2019.
O IV de Igualdade contou cunha fase de avaliación, durante a que se levou a cabo a recollida de información co fin de facer unha diagnose da situación actual da igualdade no Concello de Mos, imprescindible para poder elaborar o IV Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello de Mos.Para realizar a análise da fase inicial de avaliación, empregouse o método da enquisa, e para elo elaborouse unha ficha onde se establecen os indicadores que serviron para coñecer a realidade en relación coa igualdade e medir o impacto que tiveron as actuacións do III Plan de Igualdade. A información e valoración que dende os departamentos do Concello e as diferentes asociacións do municipio ofreceron foi imprescindible para o coñecemento da realidade de Mos sobre o cumprimento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Acolaboración de todos os axentes sociais implicados, achegou unha información valiosísima.
O IV Plan de Igualdade Municipal conta con subvención do Servizo Provincial de Igualdade da Deputación no marco das Axudas para o Fomento da Igualdade de Oportunidades e Prevención da Violencia de Xénero para concellos de menos de 20.000 habitantes do ano 2021.
Este documento servirá de guía e marco para promover e fixar pautas de fomento da equidade entre sexos, tanto entre os traballadores e traballadoras municipais como entre a veciñanza mosense en xeral. Un documento marco que promova o cambio social de cara a obter repercusións reais, positivas e tanxibles, que dea continuidade aos precedentes elaborados tamén polo Concello e consiga progresivamente a igualdade real, a igualdade da práctica e non da teoría. A través deste Plan, e co máis óptimo aproveitamento dos propios recursos nun documento adaptado á idiosincrasia mosense, espérase beneficiar de xeito tanxible tanto á poboación como ao persoal do Concello no que a igualdade de xénero se refire.
Posto que a conciliación e o recoñecemento laboral seguen a ser máis complicados para as mulleres que para os homes, adicando as primeiras máis tempo ás tarefas domésticas e ocupando postos de menor categoría e con peores condicións laborais, dende o Concello de Mos decidiuse emprender unha serie de políticas transversais para cambiar a situación e, entre ditas medidas, atópase este Plan de Igualdade que xa leva anos aprobando.A vontade desta administración local é a de converterse nun Concello pioneiro en materia de igualdade e, para elo, márcase o obxectivo de que todas a iniciativas municipais inclúan dúas liñas formativas: en igualdade e en prevención da violencia de xénero.
O Concello de Mos ten adquirido o firme compromiso de incluír a concienciación igualitaria en todas e cada unha das actividades organizadas, tanto en materia de formación e emprego, como musicais, culturais, de ocio, deportivas…; así como tamén facelas extensivas á comunidade educativa achegándoas a profesorado, alumnado e familias; e ao voluntariado mosense: Protección Civil, Mos Axuda, Voluntariado Xuvenil, Voluntariado Social e Medioambiental e persoal municipal. Dentro deste marco de fomento da igualdade o CIM (Centro de Información á Muller de Mos) ten un especial peso específico e importancia capital, xa que xunto co Consello Municipal da Igualdade, vela pola igualdade de oportunidades da cidadanía mosense independentemente de cal sexa o seu xénero.
O de Mos é un municipio volcado no fomento da igualdade ente homes e mulleres. Unha igualdade real e efectiva que incida en potenciar a integración social das mulleres. Un Concello participativo de xeito activo na promoción de actuacións encamiñadas a erradicar a desigualdade e a discriminación por razón de sexo no ámbito local, así como a participación plena da cidadanía en todos os ámbitos da vida municipal. Un Concello que quere defender os dereitos das mulleres velando polo cumprimento das disposicións legais e previndo as posibles discriminacións que se poidan producir en calquera eido. Así como fomentar a concienciación das mulleres da súa propia situación, e promover cambios nas actitudes e comportamentos dos homes que perpetúan a desigualdade entre ambos. Impulsar, promover e apoiar o asociacionismo feminista e de mulleres e aqueles outros que promovan a igualdade entre xéneros respectando a súa autonomía. E potenciar a participación social das mulleres co fin de que se constitúan responsables e protagonistas do seu propio proceso de promoción e desenvolvemento e para a consecución dunha igualdade real e efectiva.