A experiencia piloto que desenvolveu xa obradoiros en 10 institutos da provincia complétase agora cun curso presencial de 40 h que comezou hoxe en Vigo
O proxecto, enmarcado na Escola María Vinyals, “ampliarase e terá continuidade para chegar a mozos e mozas de toda a provincia” avanzou Carmela Silva
O proxecto “Canteira de igualdade” é unha experiencia piloto que durante o último trimestre do ano desenvolveu obradoiros en dez centros de secundaria da provincia e complétase agora cun curso presencial de 40 h que comezou hoxe na sede da institución en Vigo e que se prolongará ata abril.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, resumía a vocación coa que se puxo en marcha o proxecto ’Canteira de igualdade’ subliñando “Queremos manternos como un referente nacional en materia de igualdade, e unha parte fundamental deste obxectivo pasa pola formación da mocidade para facela partícipe do cambio”.
Unha das promotoras da iniciativa, Mercedes Oliveira, valorou durante a súa intervención telemática na rolda de prensa no Pazo Provincial que “a Deputación de Pontevedra segue a innovar. É a primeira institución que oferta formación sistematizada e prolongada á mocidade en materia de igualdade máis alá de charlas puntuais que, sendo necesarias, son insuficientes”. Tamén participou Amada Traba, quen incidiu no carácter pioneiro do enfoque que está a aplicar a institución na formación da xente moza da provincia porque “precísase tempo para formar a mocidade, incentivar a súa mirada crítica sobre as violencias simbólicas, cuestionar a realidade e fomentar o debate”.
O proxecto “Canteira de igualdade” forma parte da programación da Escola de Igualdade María Vinyals, coordinada por Rosa Cobo, que celebrou o Encontro Nacional de Políticas Públicas no Castelo de Soutomaior, ademais dun curso online semanal entre outubro e decembro titulado “Debates Teóricos e Axenda Política Feminista” con mulleres expertas en formación en igualdade. Agora, incorpora esta terceira rama dirixida de forma específica á mocidade polo seu potencial transformador a prol da igualdade.
O curso presencial de 40 h que se impartirá durante os vindeiros dez sábados na sede da Deputación en Vigo é un complemento ao traballo realizado nos últimos meses en dez institutos de Vigo, As Neves, Caldas, Moaña, Vilaboa, Redondela, O Rosal e Pontevedra para abordar os conceptos básicos de formación feminista. Oito formadoras abordaron con mozos e mozas da provincia temas como a división sexual do traballo, o amor, as redes sociais, a historia do feminismo, a cultura da violación, a pornografía, a prostitución e outros temas de actualidade.
“Unha experiencia exitosa e apaixonante”
“As charlas nos centros de secundaria da provincia durante o último trimestre do ano foron unha experiencia apaixonante e de grande éxito polo interese xerado no alumnado e a súa participación”, explicou Carmela Silva antes de avanzar que esta iniciativa de formación “nace con vocación de continuidade e cun compromiso firme da institución de ampliala para chegar a máis mozos e mozas da provincia nos vindeiros meses”.
A presidenta agradeceu a participación no proxecto de “mulleres cun gran coñecemento, serias, rigorosas, comprometidas e referentes das que teño aprendido moito e das que seguiremos aprendendo sen ningunha dúbida”, augurou, apenas unhas horas antes de que se inaugure oficialmente o curso “Canteira de igualdade”, ao que asistirán 25 persoas polas restricións sanitarias en vigor, pero que rexistrou unha importante lista de agarda.
A Escola María Vinyals seleccionou un total de oito relatoras de contrastada formación e procedentes de diversos campos de traballo. “Estes nomes por simesmos xa falan da excelencia e calidade da iniciativa”, valorou a presidenta provincial antes de mencionar todas as formadoras. Priscila Retamozo é politóloga e coordinadora do proxecto coeducativo “Comando igualdade”; Mercedes Oliveira é catedrática de Filosofía; LuisaAbad é licenciada en Pedagoxía e premio á innovación educativa en prevención da violencia de xénero; Amada Traba ten máis de tres décadas de experiencia asesorando no campo da socioloxía de xénero e políticas de igualdade; Lola Varela é profesora e imparte cursos de formación contra a violencia; Amara Pérez é investigadora desde a perspectiva de xénero e experta en igualdade; Mónica Baleirón é asesora en programas educativos de igualdade e, por último, Lucía Coutado é divulgadora, técnica en violencia de xénero e mediadora intercultural que traballa con adolescentes.