Con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, o pasado 25 de novembro colocáronse na rúa varios murais que, por segunda vez, voltaron a aparecer con pintadas
O Concello do Porriño fai un chamamento á tolerancia e a poñer fin a calquera expresión de odio, logo de restaurar por segunda vez os murais contra a violencia machista que sufriron actos vandálicos.
As obras, atópanse en lugares do centro urban da vila onde se sucederon agresións machistas, instalados pola concellería de Igualdade o pasado 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero, no marco da campaña “O amor non é violencia”.
As artistas Eva Casais, Gemma Marqués, Tamara Baz e Lorena Arévalo, reivindican nas súas obras as relacións de igual a igual entre persoas; pero tan só pasadas unhas semanas, apareceron con pintadas que, xa sendo borradas con anterioridade, voltaron ser pasto d@s incívic@s.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a este respecto manifestou a súa “condena firme” subliñando que “dende o Concello non se tolerarán comportamentos coma estes que demostran que queda moito por facera prol da igualdade”. Agradeceu a colaboración cidadá que, en canto a veciñanza tivo coñecemento das pintadas, o trasmitiron ao Concello que “os restaurou e devolveu ao seu estado inicial”, advertindo que se fará “tantas veces como sexa preciso para demostrar que a mensaxe que estes murais representan é moito máis forte que calquera expresión de odio. A intolerancia non ten cabida no Porriño”.
A concelleira de igualdade, Carolina González, que acudiu a ver os traballos de restauración dunha das obras a cargo da propia autora, Tamara Baz, declarou que “Quen pretenda silenciar as reivindicacións feministas e contra a violencia machista debe saber que non o vai conseguir no Porriño. Queda moito por facer neste eido, pero o faremos con firmeza e sen dar nin un paso atrás”.
Nesta última restauración, os murais levan unha capa barniz, para que en posibles ataques posteriores poida borrarse con facilidade e sen danar a obra.