Trátase de Emma Rodríguez Pretel, unha veciña de Atios de 22 anos que se graduou en Enfermería co mellor expediente académico da súa promoción
O Concello do Porriño homenaxeou este mércores a unha porriñesa polo Premio Extraordinario á Excelencia Académica recoñecido pola Universidade de Vigo, unha distinción que premia o esforzo dos mellores estudantes en cada unha das titulacións e que se entregaron o venres 28 de xaneiro.
Trátase de Enma Rodríguez Pretel, de 22 anos e veciña de Atios, que acadou o mellor expediente académico do Grao en Enfermería da promoción do 2022, tras rematar o pasado curso. Pero este non é o primeiro recoñecemento ao seu esforzo, xa que no IES Pino Manso, onde cursou ESO e Bacharelato, foi premiada como a mellor da súa promoción; que repetiría no primeiro ano de carreira.
Este mércores Enma foi recibida no Concello do Porriño polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, a quen lles explicou que a súa vocación pola enfermería chegou xa cando se atopaba en segundo curso. “Sempre tiven claro que quería estudar algo da rama sanitaria. Quería ser matrona e por iso me matriculei finalmente en enfermería, pero descubrín que me gusta esta profesión e diferentes ramas da mesma, que esta era a miña vocación aínda que non o soubera antes”.
O rexidor indicou “Sumámonos a este recoñecemento ao mérito e tesón de Emma. Sei que falo no meu nome e no de todos @s porriñeses cando lle digo que nos sentimos profundamente orgullosos do seus logros”. En referencia a estes premios, Lorenzo “poñen en valor o esforzo dos moz@s que, como Emma, liderarán o desenvolvemento da nosa sociedade nas próximas décadas. Apostar por eles é apostar polo futuro e o talento dos porriñeses”. Agradecendo a Emma o seu “exemplo”, animouna a “seguir traballando por conseguir todas as metas que te propoñas, sabendo que se poden alcanzar”.
Dende que se graduou, a porriñesa leva traballando todo o tempo pero ten claro que seguirá estudando, “na miña profesión e supoño que en todas, é esencial continuar formándose”, por iso Enma afirma “no meu caso, preparareime para ser matrona”.