Esta árbore simboliza a responsabilidade na conservación das raíces xudías de Tui polo que foi entregado coa lenda “Lembra as túas raíces”
O Concello de Tui recibiu hai uns días un bonsai de Oliveira coa lenda “Lembra as túas raíces” agasallo da Red de Juderías – Camiño de Sefarad, da que Tui forma parte dende 2019, xunto a outras vinte cidades españolas.
Trátase dunha nova iniciativa da Red para sumarse a cada unha das festas do calendario xudeu. Así con motivo da festa Tu Bishvat, que se celebrou o 17 de xaneiro, obsequiou a cada cidade da rede cun bonsai. Este festexo lembra o respecto pola natureza, e no mesmo adoitase plantar unha árbore e comer os froitos das árbores.
O bonsai simboliza, ademais, dalgunha forma, a responsabilidade na conservación das raíces xudías da historia. O Concello de Tui ven de recibir o seu exemplar, que se encargará de coidar a partir de agora como unha forma de continuar coa conservación do seu legado.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradece este agasallo que testemuña o traballo que nos últimos anos ven realizando o Concello de Tui na conservación e promoción do importante legado patrimonial da nosa cidade, que ten no patrimonio vinculado á presenza de comunidades xudías e criptoxudías na nosa cidade un dos seus elementos más significativos.
A pertenza á Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad, lograda no ano 2019, é unha grande oportunidade para a nosa cidade pois, engade o rexedor tudense, dálle a Tui novas posibilidades de promoción e de posicionamento dos seus recursos culturais e turísticos.