Sthela Táboas 03/02/2022

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobaron hoxe as melloras levadas a cabo o ano pasado ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitaron hoxe o Concello de Mos acompañadas pola alcaldesa, Nidia Arévalo e concelleiros da Corporación local; onde o Goberno galego destinou preto de 50.000 € para a instalación dunha rede de luz pública e unha pista de skate park grazas ás axudas da Vicepresidencia primeira destinadas aos concellos.

O Executivo autonómico investiu preto de 35.000 € na creación dun skatepark skateboard, Bmx, Roller e Scooter de carácter recreativo, para o uso e desfrute da poboación en xeral e concretamente, nunha zona moi poboada con moitos nenos, de aí a importancia da actuación levada a cabo.

Fernández-Tapias e Prieto coincidiron en destacar a importancia da colaboración entre a Xunta e os municipios galegos para executar iniciativas como esta que redunden no benestar da cidadanía, e referendaron o compromiso da Xunta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade dos seus veciños.

Nesta liña, tamén se levou a cabo unha instalación dunha rede pública eficiente no vial alternativo á rúa de Mos, que ten como obxecto racionalizar e optimizar o consumo enerxético e asemade crear as condicións mínimas de seguridade viaria para a circulación de peóns e vehículos. No caso do concello de Mos, dende a Vicepresidencia Primeira tense destinado nos últimos anos, grazas ás axudas destinadas ás entidades locais, más de 1 millón de euros.

Na visita, a directora xeral de Administración Local lembrou que xa se publicou a nova convocatoria para este ano da Orde de Infraestruturas de uso público, destinada aos concellos galegos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, de forma individual ou compartida, e na que a Xunta investirá 3,5 millóns de €.

Entre as actuacións subvencionables inclúense obras de instalación, ampliación e mellora das redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; así como a construción, mellora e ampliación de parques infantís, dependencias municipais ou instalacións deportivas de uso público.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad