A Deputación, que lidera o asesoramento en dixitalización, vén de adxudicar o novo contrato do programa por 1,3 millóns de € “porque temos preocupación e ocupación aínda que non competencias”.
“A Deputación é a administración que está a achegar as TIC ás pemes da provincia, e facémolo por diante incluso de quen ten as competencias, porque nós non as temos pero si temos ocupación e preocupación por que as empresas estean preparadas para o presente e para o futuro”. Así se pronunciou hoxe a presidenta Carmela Silva na presentación da adxudicación do novo contrato do programa SmartPeme, aprobada hoxe pola Xunta de Goberno por un importe de 1.326.718 €, para seguir desenvolvendo o servizo provincial de formación en materia de novas tecnoloxías.
A presidenta da Deputación cualificou de “absoluto éxito o programa SmartPeme que está facendo que as TIC cheguen a todas as pequenas e medianas empresas e que poidan estar dixitalizadas, ser competitivas e empregar estes instrumentos para converterse nunha gran referencia dun novo modelo de sociedade”. Carmela Silva lembrou que desde 2016 xa se teñen realizado máis de 12.000 asesoramentos a preto de 1800 empresas e se realizaron 1800 actividades ás que asistiron preto de 18.000 persoas.
O novo contrato con cinco novas carteiras
Coa renovación do contrato crearanse novas carteiras que se suman ás xa existentes no programa, entre elas TIC, enfocada ao asesoramento en novas tecnoloxías; TurisTIC, que se concreta en asesorar empresas turísticas; SmartPeme Impulsa, centrado en asesoramento sobre crecemento empresarial; o Centro Provincial de Economía Dixital situado no viveiro de Barro, e outros proxectos como as carteiras específicas para o sector comercio e para asociacións do terceiro sector ou tamén o programa SmartPeme Concellos.
As 5 carteiras de nova creación son a de administración electrónica, “que permitirá ás empresas ter capacidade e coñecemento para poderse relacionar dixitalmente coas administracións”, a de ciberseguridade, “fundamental para que teñan capacitación e sensibilidade sobre a defensa contra ciberameazas”, e as carteiras de emprendemento, igualdade e transición ecolóxica, que Carmela Silva puxo en valor xa que “temos que conseguir que as empresas se comprometan cunha nova economía que ten que ser ecolóxica”. Ademais, SmartPeme tamén se encargará da xestión dos viveiros de empresas de Barro e Lalín, onde “imos desenvolver programas específicos de coworking que nos permitan que as persoas emprendedoras poidan desenvolver proxectos e ideas e convertelas en negocios que xeren actividade económica e emprego”, sinalou Carmela Silva, que tamén anunciou un encontro anual de emprendemento no que “visibilizaremos as novas iniciativas empresariais que se están poñendo en marcha para crear unha sociedade que teña orgullo do que acontece economicamente nesta provincia”.