Sthela Táboas 27/01/2022

O Plan Integrado de Emprego ten unha duración de 12 meses nos  que os beneficiarios participarán nun mínimo de 5 accións individuais e 3 accións de distinta natureza de xeito activo

O Concello de Salceda de Caselas, a través da Concellaría de Emprego e Formación que dirixe a alcaldesa Verónica Tourón, ven de presentar esta mañá o Programa Integrado de Emprego, subvencionado con 250.000 € por parte da Xunta de Galicia.

Á xornada de presentación acudiron as 100 persoas desempregadas de diferentes colectivos: persoas con discapacidade, risco de exclusión social, menores de 30 anos con baixa cualificación, maiores de 45 anos, persoas desempregadas perceptoras de prestación, subsidios por desemprego e RAI, mulleres, etc. Na mesma tamén estiveron presentes a Coordinadora do Plan Olga Carril, a  súa Orientadora e Prospectora Laboral Sandra Núñez e a técnica administrativa do mesmo Carmen Galiñanes.

As persoas beneficiarias participarían nun mínimo de 5 accións individuais e 3 accións de distinta natureza de xeito activo durante os 12 meses de duración do programa. Ademais da formación que se agrupa en tres itinerarios formativos: un socio-sanitario, no que se impartirá formación vinculada ao ámbito; un de almacén e transporte, no que se incluirá a obtención de dos permisos de conducir B e C; e un de industria, no que se incluirá formación relacionada coa automoción e procesos de fabricación en xeral. Ademais faranse prácticas formativas en empresas da zona coas que o Concello xa ten establecidos convenios de colaboración para cumprir co compromiso de inserción marcado como Aceesca, Febeco, Playdesa, Industrias Proa e Sociser Galicia. Tamén colaboran a través de convenios a Asociación de Comerciantes e Industrias de Salceda “ACISA” e a Entidade Urbanística do Polígono de A Granxa.

O Concello de Salceda desenvolverá este programa no Centro de Desenvolvemento Local O Torrón, que conta cunhas instalacións recentemente reformadas no último ano. Dende aquí xestionarase o programa con persoal técnico especializado que atendería ás 100 persoas participantes. Verónica Tourón, definiu o programa como “unha moi boa oportunidade para mellorar a empregabilidade, unha carreira de fondo na búsqueda de emprego que, con seguridade vai a mellorar neste eido e a vida das persoas participantes”. Engade que “dende o equipo de goberno apostamos por poñer en marcha políticas activas de emprego e este é un claro exemplo”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad