Dende a Administración local estanse xa a elaborar as bases para o desfile de comparsas que se celebrará se o protocolo sanitario o permite
O Concello do Porriño anunciou hoxe que xa está a traballar na elaboración das bases do Entroido 2022.
Deste xeito e, seguindo de preto a evolución da pandemia e tamén do protocolo establecido pola Xunta de Galicia que permita determinar a data do desfile, o goberno municipal aclarou hoxe que “o Entroido volverá este ano ás rúas do Porriño e xa se está organizando”.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, declarou “Temos claro que esta é unha das festas máis agardadas por moitos porriñeses e porriñesas e por iso decidimos seguir adiante e facelo con todas as garantías sanitarias. En principio o desfile de comparsas e o Enterro da Sardiña celebrarase nas datas establecidas, sempre que os protocolos sanitarios e a situación epidemiolóxica nos permita facelo con seguridade. De non ser así, o aprazaremos para cando sexa posible, pero o Entroido anegará as nosas rúas este ano”.
O concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, animou ás comparsas a “ir preparando os seus disfraces e carrozas para devolver a cor, humor e troula destas festas á nosa vila”.